Versos de Camões musicados

Eh, pá, sabes quem é o Camões? É aquele suxeito que fez uns versos para a Amália”. Lin esta brincadeira, que, ao que parece, tivo éxito en círculos populares portugueses a mediados dos sesenta, no groso volume Amália-Ditadura e Revolução, da autoría do xornalista portuense Miguel Carvalho, aparecido no pandémico xuño de 2020, da man da veterana editora Publicações Dom Quixote, fundada, pola dinamarquesa Snu Abecassis, en 1965.

Merqueino pouco despois, no mes de xullo, con ocasión dunha viaxe que fixen para desconectar e tomar sol no Algarve, acompañado do amor de Isabel e de boas lecturas. Comeceino, mais metín outro polo medio e ficou a medio camiño. Hai uns días batín con el e púxenme a reler o lido e a completar a lectura.

E nesas é que reparei na piada de Camões letrista de Amália coa que iniciei estas liñas, que na primeira lectura me pasara desapercibida. Figura nas páxinas que o xornalista Carvalho dedica á polémica que, en 1965, se desatara, nos mundos literario e musical fadista, a raíz da aparición do disco Amália canta Luís de Camões, un “Extended Play”, editado pola casa Columbia, que contiña os poemas camonianos “Erros Meus”, “Lianor” e “Dura Memória”, musicados por Alain Oulman.

E falando do excelso poeta portugués, se cadra non está de máis lembrar que ese apelido, Camones/Camões ten toda a traza de proceder da parroquia de Santa Baia de Camos, no concello de Nigrán, co cal o autor d’Os Lusíadas tería un algo -non sabemos canto- de galego.

Alain Oulman, nado en Oeiras-Lisboa, no seo dunha familia de empresarios de orixe xudaica francesa -o que xogou decisivamente ao seu favor cando foi detido pola PIDE-, seguindo a liña de Léo Ferré -o “Compañeiro Léo Ferré / inesquencível presencia / loitadora presencia en fa sostido”, que, anos hai, compuxo e cantou o amigo Vicente Araguas- de musicar e interpretar grandes poetas franceses (Verlaine, Rimbaud...), entusiasmárase coa idea de musicar versos de coñecidos poetas portugueses vivos -David Mourão Ferreira, Pedro Homem de Mello, Manuel Alegre, Alexandre O’Neil, Ary Dos Santos...- para seren interpretados por Amália Rodrigues. E tamén, como non, grandes poetas de tempos anteriores. Entre eles Luís de Camões.

Cando apareceu o “infame” EP, Amália xa recollera no LP Amália 1963 os versos de “Dura Memória” e non acontecera nada, ninguén botara as mans á cabeza. Se cadra, porque o vinilo aparecera en Francia.

E o ano anterior vira a luz un LP -un disco sen título, que logo sería coñecido como Busto, porque a capa recolle unha foto, de Nuno Calvet , do busto da fadista esculpido por Joaquim Valente- con poemas de Luís de Macedo, Mourão Ferreira, e Homem de Mello musicados por Oulman e tampouco houbera polémica ningunha.

É posible que tivese que ver a publicacion polo Jornal Popular (23-X-1965) das opinións verquidas a respecto do EP por diferentes personalidades literarias e musicais sobre o que se entendía que supuña unha innovación, mais que xa non era tal desde a aparición do álbum Busto, que si marcou de xeito decisivo a historia do fado. En calquera caso, houbo declaracións favorables a cantar Camões ou calquera outro poeta dos ditos cultos como tamén radicalmente contrarias. En calquera caso, Amália seguiu incoporando ao seu repertorio versos camonianos musicados por Alain Oulman.


Versos de Camões musicados

Te puede interesar