Faltan profesionais?

alia as altas taxas de desemprego que hai no noso país a patronal di que faltan profesionais, como cociñeiros, albaneis, etc. aínda que despois recoñecen que unha parte destes profesionais puideron emigrar na procura de mellores condicións laborais. Resulta evidente que un dos motivos é este, máxime cando a diferenza salarial é moi grande e a continuidade do contrato non está garantida, como sucede en sectores como a hostalería e a construción, e mesmo do naval e sanidade. Ou sexa, uns emigran da nosa nación en procura de salarios máis altos e mellores condicións laborais noutras partes do Estado ou da Unión Europea, e outros cambian para aquelas actividades que teñen taxas máis baixas de eventualidade.

A falta de profesionais non se vai evitar mentres non se melloren salarios e condicións laborais na Galiza, e sobre isto ten que reflexionar a patronal. É verdade que en situación de crise diante da falta de ingreso unha boa parte da clase traballadora acepta, porque non lles queda máis remedio, condicións de sobre-explotación, mais farán o imposíbel para que esta situación sexa conxuntural, cambiando de empresa, actividade ou emigrando. Non é casual que, nunha resposta espontánea Biden, contestase a esa mesma demanda da patronal dos Estados Unidos: páguenlle mellores salarios! Poñer o acento na xustiza social no é polo que destaca o presidente estadounidense, porén a resposta non puido ser máis axeitada. Aínda que hai sectores da patronal que prefiren aumentar a man de obra de reserva, malia a alta taxa de desemprego, forzando a inmigración, obrigada logo a aceptar as condicións máis duras (No Estado español máis do 50% dos inmigrantes está debaixo da liña de pobreza).

Considerados en perspectiva os baixos salarios, a dificultade para o aceso á vivenda, a alta taxa de desemprego e de precariedade, teñen consecuencias demográficas e económicas negativas para toda a sociedade, mesmo unha gran parte daquela que se beneficia no inmediato desta sobre-explotación. Afecta á clase traballadora porque reduce súa calidade de vida, e mesmo impide constituír familia e ter fillos; porén tamén ao pequeno e mediano empresario/a porque estreita o consumo e polo tanto as vendas e os lucros. Para que non fose así tería que ser unha economía moi externalizada e cun rol destacado na cadea de valor, que non é o caso, máxime cando nas últimas décadas as empresas máis dinámicas da nación galega pasaron a mans de capital foráneo... Daquela que, parte importante da solución é: traballo e salarios dignos.


Faltan profesionais?

Te puede interesar