No pedregal de Irimia

Se realmente hai alguén que represente á que poderíamos chamar “ resistencia” no empeño ao amor a Galicia, a súa cultura e a súa xente, ese é Baldomero Iglesias, (Mero) sempre na primeira liña, sempre traballando a prol deses principios para el irrenunciables. Pois ben, Mero foi o encargado de escribir o Manifesto da IX Festa de Afirmación e Dignidade que xunto a el limos un grupo de amigos no Pedregal de Irimia, un lugar mítico, cheo de misteriosas lendas, onde nace o río Miño que nos da vida.

Mero advirte que o paraíso no que nos atopamos é fráxil e vulnerable, e o ser humano non ten dereito a deturpar esa perfección. Debemos darlle á natureza o que é propio dela, por exemplo: árbores autóctonas e non especies foráneas e invasoras que só benefician aos traficantes da madeira. Advírtenos tamén que a relación entre as persoas está cada vez máis limitada e que os niveis do mercado mandan a millóns de persoas ao paro e á pobreza: os valores dependen da bolsa e das finanzas, do interese e do beneficio. Vivimos nunha era de aceleración na que corremos veloces sen sabermos moitas veces cara a onde.

Foi unha xuntanza de camaradería, unha oportunidade para partillarmos conversa entre amigos e para decatarmos que segue a haber xente coa idea irrenunciable de sermos galegos co que iso significa, sen outras crenzas, sen necesidade de buscaren os cinco pes ao gato.

Xuntanzas como esta son para lembraren porque, ao marxe de ideoloxías, que habelas hainas, púidose comprobar que alí estabamos xente á que nos unía un feixe de intereses comúns relacionados con Galicia, coa súa cultura, coa xente e coa conservación da nosa natureza: pedagogos, escritores, músicos, artistas plásticos, ecoloxistas, etc, todos fraternalmente xunguidos ao espírito do manifesto escrito por Mero. E falou tamén a gaita de Raul.

Foron agasallados coas “Mans de Irimia”, escultura do artista Manolo Pardo, Ana Sastre a título póstumo, e o monfortino Xoán Xosé Fernández Abella. Ana Sastre era unha namorada do románico e excelente modeladora en pasta de papel . A súa recompilación de esculturas de virxes románicas é unha referencia. E Xoán Fernández é un recoñecido poeta, mestre, avogado, e decidido activista no concernente á cultura galega. Reivindicouse tamén a labor da Asociación Avelino Díaz un xornalista nado en Santa Comba de Órrea (1897) pero moi relacionado con Meira onde está o Pedregal.

En suma unha xuntanza para lembrarmos dela, cun obxectivo máis que xustificado. Volveremos.


No pedregal de Irimia

Te puede interesar