Aquí, que está a pasar? Dende o primeiro trimestre de 2019, cando estourou o coronavirus, non erguemos a cabeza. Nestes intres semella que, o tamén chamado Covid-19, está a remitir, polo menos no que se refire a número de contaxios, de infectados e de mortes. Será que as vacinas están a desenrolar o traballo para o que foron creadas, así hai que recoñecelo, nun tempo récord. Porén, non podemos baixar a garda, non botemos a voar as campás. Non queda outra, como xa teño dito aquí, que seguir cumprindo, a nivel mundial, as recomendacións das autoridades sanitarias, e mesmo as civís.
No noso país, por si fóra pouca a desgracia da pandemia, estamos a sufrir agora na illa da Palma a violenta erupción do volcán situado no monte chamado Cumbre Vieja que está a provocar a ruína de moita xente. A súa forza é tal que coa súa lava, leva arrasado centos de casas e facendas, no seu camiño ata o mar a onde non tardará moito en chegar, con resultados que se prevén desastrosos para a flora e a fauna mariña. Seica xa leva vertidos preto de 50 millóns de metros cúbicos de magma. Todo isto, ten unha explicación?, ou hai que conformarse con achacalo as forzas da natureza. En calquera caso, ¿non era previsible esta desfeita?. Líbreme Deus de sinalar culpables pero, non houbo aquí unha falta de previsión permitindo a construción de vivendas nas faldras do volcán?
Outra eiva que nos aflixe dende hai tempo, é a proliferación de choivas e inundacións salvaxes, o que agora chaman unha DANA, (Depresión Aislada en Niveles Altos), antes gota fría, que xunto cos incendios forestais, disque provocados a maioría deles, ocasionan perdas millonarias ali por onde se producen.
Ante este estado de cousas, a verba que se me ocorre é de novo solidariedade, cada un de nós, de acordo coas súas posibilidades ten a obriga moral de poñer o seu gran de area. Por poñer un exemplo, 48 millóns de españois aportando un euro cada un significarían outros tantos millóns de euros que servirían para paliar economicamente unha parte dos desastres dos que estamos a falar.
Eu propoño dende este apunte a apertura dunha conta, controlada por responsables do goberno, onda persoas e institucións poidan ingresar de xeito voluntario a cantidade que cada un estime oportuno. Para rematar aquí vos deixo un vello slogan, “consuma plátanos de Canarias” que, por riba das súas coñecidas propiedades e beneficios para a saúde, é tamén un xeito de axudar.