Afganistán servirá de lección

Aministra de Defensa, Margarita Robles, definía como un éxito a retirada das tropas españolas e de civís de Cabul. Repetía neste aspecto o argumento de Biden. Evidentemente ambos pretendían reverter a sensación e valoración de fracaso que se fixou na conciencia colectiva, e supoño que na mesma liña o están a facer outros países comprometidos coa ocupación de Afganistán. Xa que, como era lóxico, os medios destacaron tanto a conquista do poder polos talibáns, como o precipitado da saída de forzas consideradas as máis poderosas do mundo. Deixando a milleiros de persoas que colaboraron coa ocupación expostas as represalias que este grupo radical islámico decida tomar. Vexase que xa non se volveu a falar da presión que seica se ía exercer para que o Governo talibán permitise a saída de afgás que o quixeran facer.

Para alén de que as forzas militares deberían ser as últimas en saír, a retirada deixou en evidencia que Washington non contou cos aliados, polo que estes se viron obrigados a improvisar o traslado por algún países de milleiros de persoas, o que ten seu mérito. Mais a cuestión de fondo, e diso non se salva ningún dos países que participaron na ocupación, é que esta resultou un fracaso. Ademais esta non é unha excepción, como se reflicte en Iraq, Siria, Libia, etc. E isto é o fundamental, xa que a maior parte da povoación deses países concreta na “democracia occidental” as políticas de imposición, desestabilización, e aumento da pobreza e da dependencia externa. Un xeito de facer que fixo dos talibáns o mal menor, de xeito tal, que a medida que se retiraban as forzas estranxeiras, eles ían ocupando bases, comisarias, institucións...

O Governo español destaca na súa valoración as 102 persoas que morreron perante as dúas décadas, así como os/as 27.000 militares que prestaron servizo nese país. Os custes da misión tampouco foron menores, 3.500 millóns de euros, así como 500 millóns en proxectos para o desenvolvemento. Non son contías menores, e seguramente tiveron algunha eficacia local, mais o importante é que gran parte da povoación afgá segue desprazada nos países veciños e non puido volver, tanto porque a guerra se mantivo, especialmente nas zonas rurais, senón tamén porque non se desenvolveu a economía, malia a recoñecida riqueza en recursos minerais. A actividade que máis creceu foi, contra todo prognostico e lóxica, a produción de opio. Este fracaso do imperialismo servirá para rectificar e avanzar cara un mundo máis solidario e xusto, ou só cambiará os métodos dos máis poderosos?

Afganistán servirá de lección

Te puede interesar