O cantor

Ás veces, algunhas veces, o cantor ten a razón”. Así comezaba unha das cancións preferidas da miña xa lonxana xuventude, da autoría de María Ostiz, poetisa grande, fermosa voz e excelente cantora, segundo a miña opinión. Mais, o cantor non sabe que facer cando dubida de ter a razón e fica perdido e canso de tanto pescudar por todos os recunchos na busca da “chave da esperanza” que podería abrir a porta dun futuro máis xusto, sen guerras e sen tanta violencia que se ceba principalmente nos máis febles. E non pode deixar de cantar, pois como dixo a poeta, “se cala o cantor morre a vida”, porque a vida é mesmo un canto e, por iso, deberá seguir cantando, aínda nadando só no río contra corrente, para morrer cantando se é preciso, como disque morre a cigarra. Xa que logo, todos temos que seguir neste canto que significa a loita pola vida, tentando de vencer tantos atrancos que xorden de xeito cotián, veñan de onde veñan, por terra, mar ou aire, por bichiños, animais e mesmo persoas, porque se cadra, destas últimas poden vir as maiores dificultades. En calquera caso, como dixo alguén, renderse no é unha opción e, xa que logo, aqueles que loitan ou escriben na defensa da vida, da xustiza e da igualdade, non poden, non deben, deixar de “cantar”. Digo eu.

O cantor

Te puede interesar