Sistemas

Hai pouco máis dunha semana, o xoves 19, puidemos ler no noso Diario un par de noticias relacionadas coa covid-19 encabezadas polos seguintes titulares: “Los contagios repuntan en Galicia, sobre todo en el área sanitaria viguesa / Los fallecidos ascienden a 2.529 tras producirse cinco nuevos decesos, dos de residencias” (p. 3) e “Cuba acumula 545.000 casos activos y se anota un total de 4.250 fallecidos” (p. 8). A cifra de defuncións galega non me chamou a atención, porque a vexo diariamente no Telediario territorial galego da TVE. Pola contra, si me causou sorpresa a cubana, malia que adoito estar bastante ao tanto do que acontece nesa moi querida illa caribeña, ben presente na miña vida desde sempre, dado que nela viviron, traballaron e tamén morreron certo número de parentes moi próximos.


A verdade é que, á vista das cifras que estamos afeitos a ver en diferentes países, os 4.250 cubanos falecidos parecéronme poucos, tanto que, sospeitando que podía tratarse dun erro de impresión, fun corroborar o dato, que estaba correcto. Co que, se atendemos a que Cuba conta con ao redor de 11,3 millóns de habitantes e Galicia con 2,7 millóns, resulta evidente que os números xogan claramente a favor do país caribeño, malia que a situación económica do noso país é moitísimo mellor que a súa. Unhas simples regras de tres –se é que non me trabuquei ao facelas– dinnos que coas porcentaxes de Galicia en Cuba terían morto 10.584 persoas, mentres que coas de Cuba en Galicia terían falecido 604, cifra sensiblemente menor que a de 2.529, a real de finados hai uns días.


Lendo esas novas lembrei que unhas cinco ou seis semanas antes estivera cunha grande amiga cubana que estaba a piques de viaxar á Habana xunto da nonaxenaria mai, á que non vía desde había máis dun ano. Cuestións laborais levárana fóra de Cuba e en todo ese tempo non tivera ocasión de volver. Manifestoume a súa preocupación polo que podía atopar. De entrada, aínda que estaba vacinada e tiña vivenda de seu na capital, tivo que reservar cinco días de hotel para estar confinada, sen poder saír para nada do cuarto nin recibir visita ningunha. Esa, aparentemente absurda, medida obedece a que certa xente da que viña de fóra e ía para a súa vivenda non respectaba para nada o confinamento e controlar esas situacións é máis complicado que facelo nunhas dependencias especificas.


Non esquezamos que neses días da viaxe estaba a situación social un tanto alterada por algunhas protestas contra o goberno, alentadas, en boa medida, desde o exterior, como era máis que obvio. Os Estados Unidos mostraban a súa “preocupación” por eses feitos ao tempo que mantiñan o bloqueo económico, financeiro e comercial. Bloqueo que, unido á mala situación económica derivada da caída case absoluta do turismo –a principal fonte de divisas do país–, por mor das medidas adoptadas para facer fronte á pandemia, motivou unha grave carencia de medios para poder vacinar e para poder atender debidamente os afectados polo virus. Supoño que a boa parte dos lectores e lectoras lles terán chegado chamados a aportar medicinas, material sanitario ou diñeiro que axudasen a paliar a grave situación. Polo que contou, hai moitos produtos básicos que son moi difíciles ou imposibles de atopar, mais agarda que a situación se poida ir recompoñendo. O tempo parece que lle vai dar a razón aos que optaron polo peche do turismo malia as inculcalculables perdas que a medida trouxo consigo.

Sistemas

Te puede interesar