Una historia de Rus

É o título dun un libro cuxo autor é o xornalista mugardés Argemino Barro, residente en New York, que o xoves pasado se presentou en Mugardos nun acto cun cheo absoluto (80 asistentes, máximo permitido polas actuais normas sanitarias) na sala do Casino da vila. Este apoio popular amosa que un pode ser, malia o que se di, profeta na súa terra.


Se é verdade que Argemino naceu en Mugardos, non é menos certo que sendo moi neno foise da vila. Dise que un non é de onde nace senón de onde pace e pode valer como tal dito popular, pero os mugardeses dicimos que sermos de Mugardos imprime certo carácter, que somos decididos e botados para diante. 


Argimino Barro é un exemplo disto porque aos dezaoito anos, estando na Universidade Complutense de Madrid estudando xornalismo, lle chama a atención a figura de Stalin, un ditador con man de ferro que non lle tremía á hora de sacar do medio a quen ousaba oporse aos seus plans. Entón o estudante de xornalismo interésase polas cousas de Rusia, comeza a ler libros e a pescudar neles na procura de máis e máis información. Ponse a estudar o idioma e instálase uns meses en Rusia co gallo de perfeccionalo. No 2007 obtén a licenciatura en xornalismo pola UCM e pasa tempadas tamén en Bielorrusia e Ucraína. No ano 2013 outórganlle o premio de xornalismo “Belarus in Focus” por un traballo sobre a ditadura bielorrusa que lle entregan en Varsovia. Coa dotación económica deste premio máis uns aforros decide perder o billete de volta a casa, colle un tren rumbo ao leste de Ucraína, zona quente onde xa estaba montado o balbordo ruso-ucraíno cando os argumentos das palabras deixaron paso ao discurso das armas. Perante dous meses cobre esa guerra como reporteiro “freelance”. Isto fai que sexa admitido no departamento de estudos post-soviéticos da Universidade de Columbia en New York, onde reside actualmente.


Dicídeme se todo este periplo vital non é unha evidencia dun carácter especial, de alguén que sabe o que quer e non repara en sortear as dificultades para conseguir o seu propósito. Seis anos levoulle escribir este traballo sobre a guerra no leste de Ucraína, un traballo xornalístico de longo percorrido, unha crónica fundamental para aqueles que anden interesados en coñeceren as claves da causa do conflito, escrita cunha linguaxe fluída e ao mesmo tempo brillante e moi atractiva polo uso de innumerables metáforas que encaixan perfectamente no contexto do relato. Foi un pracer para min presentalo na nosa vila. Abofé. 

Una historia de Rus

Te puede interesar