Unha notable perda

ah, pero sodes vós?

-E logo?

-É que o ordenanza me veu dicir que había dous señores, que eran do Bloque ou da aldea, que querían falar conmigo.

Escoiteille, unhas cantas veces, este curioso diálogo a Francisco Pillado -contado co fino humor que o caracterizaba e con máis graza, naturalmente- haberá por volta de corenta anos. Tivera lugar no departamento de cultura da Deputación coruñesa nunha das innúmeras visitas que Pancho e Manuel Lourenzo tiveron que facer a esa institución -como a tantas outras, públicas ou privadas- en demanda de axudas para poderen facer realidade algúns dos múltiples proxectos ideados e soñados por eles ao longo de case sesenta anos. Pillado, que lle sacaba chispa a todo, recorría a esa anécdota como exemplo da consideración que na altura se tiña do galego en determinados ámbitos sociais. Sociolingüística da cotidianeidade, poderiamos dicir.

Porque, é evidente, non foi nada doado conseguir ningunha das metas acadadas por Pancho Pillado nos seus oitenta anos de vida. Esa vida que se extinguiu o pasado xoves.

Porque foron logros moi importantes, fundamentais para o desenvolvemento do teatro galego os que -na compaña do seu grande amigo Manuel Lourenzo- se botaron a andar desde 1965, ano de cración do Grupo de Teatro O Facho. Velaí están para a historia

a Escola Dramática Galega (1978-1994), que conseguiu tirar, de xeito periódico, nada menos 104 Cadernos, chegando a acadar os 2.000 exemplares, algo insólito no -Estado -Español ou a Sociedade Cooperativa de Teatro “ Luís Seoane” (1980-1988), que conseguiu pór en funcionamento unha sala de teatro na Coruña dedicada á representación teatral en galego. Non foi fácil, desde logo, a posta en escena de 13 espectáculos e a publicación dos Cadernos do espectáculo de 5 delas. E que dicir de Elsinor Teatro, Casa Hamlet...

Non podemos deixar de lado, porque non foi obra menor, nin moito menos, o importante labor tradutor de Pancho Pillado para incorporar ao teatro en galego textos de importantes dramaturgos foráneos.

Á marxe do mundo teatral cómpre referirse ao destacado traballo desenvolvido á fronte da editorial Laiovento da que foi un dos fundadores e que deu á luz títulos moi relevantes, mais deses que non adoitan interesar ás editoras máis convencionais.

O mundo da cultura non pode menos que estar entristecido pola morte dun incansable loitador ao seu servizo.

Por máis voltas que lle dei, cando souben a mala nova do seu pasamento, non fun quen de visualizar o momento en que o coñecín; cando, e en que circunstancias, tiven a sorte e o pracer de falar con el por vez primeira. O que si sei é que conversar con Pancho era unha auténtica delicia e por iso lembro ben moitas das charlas mantidas no seu piso dos Castros, na biblioteca da Refinería -da que foi responsable durante anos- ou noutros variados lugares. Como tamén lembro pequenos detalles, como o de achegalo ao concesionario da Peugeot que había no polígono da Grela para recoller un 205 que acababa de mercar, que me falan do trato amical mantido. Sei tamén que o seu recordo vai estar sempre presente na miña vida.


Unha notable perda

Te puede interesar