Parar, para seguir

|

O clima está en proceso de cambio e, segundo os técnicos do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), xa se produciron varios de carácter irreversible. Segundo os informes deste grupo, todo indica que a humanidade é causante destes cambios desafortunados que inciden tamén na conducta social. O Grupo, vinculado á ONU, creouse en 1988 para, a través de informes, facilitar avaliacións integrais do estado dos coñecementos científicos, técnicos e socioeconómicos sobre o cambio climático, as súas causas e a repercusión do mesmo na vida das persoas.

No último destes informes, os redactores aseveran que foi o home o causante do quecemento da atmosfera, do océano e da terra. Quen o diría, o home causante dos seus propios males? Pois si, con cambios rápidos e xeneralizados, capaces de ofertar un mundo, con un medio ambiente, diferente. A temperatura seguirá aumentando ata mediados deste século.

E, daquela, a partir de 2050, se non hai acción por parte dos gobernos, a situación será complexa. De seguir como ata agora, a finais do século, segundo os expertos, o incremento da temperatura será de máis de catro graos, aumentando tamén a intensidade e a frecuencia dos fenómenos extremos como as olas de calor, as inundacións, as precipitacións ou as grandes secas. O recente informe do IPCC di que a última vez que se acadou un nivel de quecemento por encima dos dous graos e medio foi hai uns tres mil anos.

A ciencia e a acción política teñen que darse a man, se queremos que o planeta non se resinta. Ao parecer os efectos da crise climática están afectando a tódalas rexións de terra e mar. Ninguén pode librarse do nefasto impacto do quecemento global, o desxeo, o aumento do nivel das augas ou das perversas accións deses estraños e frecuentes fenómenos meteorolóxicos.


O informe dos científicos (234 de 66 países) asegura que, en 2019, as concentracións de dióxido de carbono atmosférico foron máis altas que en calquera outro momento dos últimos dous millóns de anos e as concentracións de metano e óxido nitroso foron máis altas que nos últimos oitocentos mil anos. Parece que é necesario, imprescindible, tomar medidas, atender ás recomendacións dos que saben, actuar con `sentidiño´ e con prudencia para axudar a que a auga volva á súa canle e eses eventos extremos, que tanto aumentaron nas últimas décadas, freen o seu cabalgar. Cómpre parar, para que o mundo siga.

Parar, para seguir