Festa

as festas arestora xa non son como eran. Na medida en que foi transcorrendo o tempo deixaron polo camiño parte daquel encanto que tiñan e a ninguén se lle oculta que a época de pandemia que aínda vivimos condicionou absolutamente toda actividade social, esa que resulta fundamental para que estas funcionen. A festa xustifica a súa existencia se o pobo participa e outrora a xente participaba máis, constituíase no principal protagonista sen pandemias polo medio.

Este verán a festa na miña vila estivo mutilada fundamentalmente polas condicións derivadas da mala situación sanitaria que vivimos e da que parece non somos capaces de saír. Para moitos a idea para salvaren o verán era librar á festa e isto acadouse a medias. Houbo actuacións musicais si pero con público limitado e oculto tralas máscaras regulamentadas, e poucas actividades máis. Así o mes de xullo e o que vai de agosto pasaron sen pena nin gloria no que respecta a actividades sociais incardinadas na festa.

E un, dadas as circunstancias actuais, lembra con certa nostalxia aqueles tempos nos que a xente parecía feliz co pouco que dispuña para desfrutaren: unha orquestra sinxela cun repertorio pensado para o baile na verbena, porque a xente bailaba e desa complicidade coa música ““trouleira” xurdiron relacións duradeiras, abofé.

En xullo había a “Festa do Polbo” que a pandemia borrou do programa hai dous anos, e as “Festas do Carme” coas consabidas verbenas amenizadas por orquestras populares que concitaban máis espectadores que bailaríns: deseñadas para a contemplación e algunhas, máis das desexadas, con son enlatado. É a fórmula que se utiliza hoxe e que cambiou de xeito radical a esencia primitiva do que en realidade era unha verbena.

Dicir verán e dicir tamén vacacións, tempo para que volvan os que están fora a pasar uns días en familia, esa si é unha festa grande, e que logo marcharán outra vez polo camiño que vai marcando a vida deixando na casa un baleiro grande enchido de nostalxia que un vai xestionando da mellor maneira posible.

Festa grande tamén sería irmos cara ao camiño da normalidade, que as vacinas cumpran co seu cometido e que a festa da pandemia remate dunha vez malia ver aínda algunhas lámpadas acesas nese sinistro campeiro onde o virus espera atopar un medio libre de transporte.

Oxalá a festa renaza como a Ave Fenix das súas cinzas e nos dea o mellor dos seus argumentos: a posibilidade de abrazarmos sen medo, de volver o antes posible á condición de cidadáns libres, que xa vai sendo hora.

Festa

Te puede interesar