Un dos temas noticiables destes últimos días é o da percepción que, segundo os resultados do último estudo anual “Opinión pública y política fiscal” que deu a coñecer o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), teñen os españois sobre diferentes aspectos da política tributaria. O da tributación é un tema que me preocupa desde os meus anos mozos, desde que fun consciente das tremendas inxustizas sociais existentes naquel rexime ditatorial -en que tiven que pasar os primeiros 25 anos da miña vida- do que quedan moitos restos, porque os gobernos do actual período constitucional non puideron, ou non quixeron, varrer por completo. Ese interese levoume a seguir con atención o que sobre o estudo se foi dicindo nos diferentes medios informativos e, mesmo, a consultar directamente os resultados que están colgados na rede.
O estudo do CIS -como os que realizou en anos anteriores- baseouse nas respostas obtidas nunha enquisa telefónica, con números escollidos de xeito aleatorio, realizada a case tres mil persoas -homes e mulleres practicamente ao 50%- de máis de 18 anos e das que ao redor da cuarta parte tiñan 65 ou máis anos.
Debo dicir que, en liñas xerais, os datos que se desprenden da enquisa coincidiron coa idea que tiña acerca do que a cidadanía española pensa sobre a cuestión impositiva. Non obstante, hai aspectos, tanto positivos como negativos, que me chamaron a atención.
Paréceme moi positivo que non estea ben visto non declarar todos os ingresos sobre a renda, pagar sen factura para aforrar o IVE, aplicar deducións que non corresponden, ou recibir prestacións de xeito fraudulento..., pois semella contradicir iso de que eran pouco menos que parvos os que cumprían coas súas obrigas tributarias, que adoitabamos escoitar nos bares.
Tamén me congratula saber que é bastante superior a porcentaxe de xente entrevistada que manifestou ser partidaria de mellorar os servizos públicos aínda que tivese que pagar máis impostos (20,9%) fronte á que preferiría pagar menos aínda que iso supuxese reducir servizos (3,8%).
Resúltame alentador saber que un 81,2% dos preguntados considere que son moi poucos os recursos destinados a investigación, un 73,8 a sanidade e un 61,6 a educación, cifras que, ademais, contrastan co 17,5% que considera seren poucos os destinados a defensa.
Non está mal tampouco saber que un 59% -aínda que non sexa unha cifra moi elevada- considera que o feito de non evadir impostos é moi importante á hora de falar da consideración de bos cidadáns ou cidadás. Con todo, un 1,3% considerou que para eles non é nada importante.
Que un 88,9% pense que enganar a Facenda é enganar o resto de cidadáns e cidadás seméllame moi relevante. E outro tanto que un 90% pense que hai moito ou bastante fraude fiscal e que un 31,2% considere que esa fraude crea inxustizas, xa que obriga a que algunhas persoas teñan que pagar o que outras deixaron de pagar.
Fronte a esas consideracións positivas entendo como moi negativo e preocupante que nada menos que un 45% dos entrevistados entenda que todo o mundo debería pagar a mesma porcentaxe nos impostos directos. Por aí, ao meu entender, imos realmente mal.