Sofía Espiñeira

onfeso que non coñecía o traballo de Sofía Espiñeira, cousa case imperdoable en alguén coma min que trato de andare na procura do que se coce na música galega no que concirne aos cantautores, sempre esperando ilusionado que apareza no noso panorama musical alguén coa forza suficiente para lle dar á canción galega ese impulso tan necesario que a sitúe polo menos ao mesmo nivel das outras músicas do Estado.

Acudín o pasado venres ao parque da Constitución da miña vila cheo de curiosidade porque alí ía ter lugar o concerto de Sofía Espiñeira, unha cantautora mugardesa, como así anunciaba o programa. E non me arrepinto, porque Sofía Espiñeira chegou a sorprenderme moi favorablemente.

Cunha sinxela posta en escena ( a música de Sofía non necesita nada máis), e cunhas austeras pero concisas e moi axeitadas presentacións das cancións, foi debullando o seu traballo coa solvencia dunha veterana nestas lides a quen o medo escénico non fai efecto malia estar actuando na súa vila diante da súa xente. Estivo moi ben coa voz e mesmo coa guitarra que soou diáfana entrementres a súa man esquerda percorría o mastro coa mestría propia de quen dedica horas ao instrumento. Pódolles asegurar que para un cantautor non é nada doado mesturar acordes maiores e menores, ritmos e disonancias ao tempo que o instrumento solista que é a voz, achegando os seus matices, vai cabalgando seguro sobre as notas da guitarra. Sofía Espiñeira conseguiu esa simbioses de guitarra e voz nada doada de acadar.

Sentín emoción ao escoitar a Sofía cantar en galego. ¡Bravo por ela! Porque arestora cando aparece no panorama musical un cantautor galego, case sempre interpreta as súas cancións en castelán e mete no seu repertorio un par delas en galego por non desmarcarse de todo. Apostar pola nosa cultura e por ese ben intanxible que é o noso idioma ennobrece a quen iso fai.

Perfectamente acompañada de percusión e violonchelo ( non é necesaria moita parafernal instrumental ) os textos, moi orixinais, conseguiron o seu protagonismo, cousa fundamental para unha cantautora. Sobre o escenario Sofía amosou unha cousa moi importante: crer no que fai fora de modas e tendencias.

En ningún momento do concerto deixei de pensar en Alberto, o pai de Sofía, gran afeccionado á música boa que ,seguro, estaría moi fachendoso vendo a súa filla defender o seu traballo enriba do escenario.

Parabéns Sofía, penso que estás no camiño axeitado, que os fados sexan propicios, moito ánimo, forza e a seguir así.


Sofía Espiñeira

Te puede interesar