Denuncia

Recibín días atrás no móbil unha fermosa e interesante reportaxe con fotografías de rúas, prazas e outros lugares emblemáticos do Ferrol do pasado século. As imaxes leváronme a evocar aqueles felices anos da miña nenez e da miña xuventude,. Non puiden evitar a comparación daqueles tempos, en plena posguerra incivil cos actuais. Moito cambiaron as cousas dende entón e a eses cambios non foi allea a nosa cidade. ¡Moitas gracias pola reportaxe!.

Está asemade ambientada con algunhas cancións da época moi coñecidas e cantadas por todos nós. Entre elas destaca “Unha noite na eira do trigo” que aprendín da boca dos meus pais cando era ben novo. A letra desta balada galega, tan inspirada, procede dunha cantiga de Manuel Curros Enríquez (1851-1908), o gran poeta do chamado rexurdimento galego. Escribiuna en Madrid aos dezaoito anos e xunto coa melodía do seu amigo José Castro González (Chané), chegou a ser como un segundo himno da nosa terra.

Eu quero delatar e mesmo, denunciar aquí unha tradución que presentan en Google. Non é que sexa mala, é infame, de xulgado de garda, unha afronta contra a nosa fermosa fala. Prégolle a quen corresponda, que a retire e mesmo que pida perdón a tódolos galegos por semellante aldraxe que fai dano só léndoa, dende a primeira ata a derradeira estrofa. Por riba un consello ao desafortunado tradutor: e mellor que non volva a traducir nada do galego porque non está capacitado nin autorizado para elo.

Parece ser que o responsable da presentación de tal felonía en Google é Masix Match, seica a colección mundial meirande de letras de cancións traducidas, disque usada por millóns de persoas. ¡Se todas as traducións son como esta, válame Deus!

Para comprobar o que estou a dicir, só tedes que entrar co móbil en Google, co titulo “Unha noite na eira do trigo”, alí tedes a letra en galego xunto coa infame tradución. Xa me diredes se non teño razón.

Semblanza.- Curros naceu en Celanova e morreu na Habana a onde emigrou no ano 1894. Está soterrado na Coruña no cemiterio de San Amaro. Obras sobranceiras súas son entre outras, A Virxe do cristal (1877), Aires da miña terra (1880) (á que pertence a cantiga que nos ocupa), e O Divino sainete (1888).

“Lingua proletaria do meu pobo/ eu fáloa porque si/ porque me peta e quero/e dáme a gaña” (C.E.F).


Denuncia

Te puede interesar