Xestos

O ensoberbecemento nos comportamentos que detectei en Cristriano Ronaldo motivou o meu desinterese pola súa figura, tanto no deportivo como no exclusivamente persoal. Obviamente, seguín convencido de que era un grandísimo futbolista, que unha cousa non ten nada que ver coa outra.

Se cadra, foi por ese desapego que me sorprendeu máis gratamente o seu xesto de retirar as dúas garrafas de Coca-Cola que, nunha roda de prensa, tiña diante de si, ao tempo que exhibía unha de auga articulando de xeito ostensible a palabra “água”.

É ben notoria a hipocrisía dos organizadores de eventos deportivos e dos propios clubes participantes á hora de exhibir publicidades. Se o deporte é saúde, como se nos di, semella que non cadra moi ben ver ao seu redor nomes de produtos nocivos para a mesma. Antes foron marcas de bebidas alcohólicas, cigarros..., que case foron eliminadas, porque aínda se deslizan mensaxes subliminais que levan a elas. Gustei do xesto do atacante portugués e agardo que cunda o exemplo.


Xestos

Te puede interesar