Actualizar co IPC precede a unha rebaixa das novas pensións?

O ministro Escrivá fixo una reflexión sobre o futuro das pensións, que axiña rectificou, xa que cuestionaba o relato que governo, e obviaba o papel público que patronal e os sindicatos estatais cumpren na Comisión Social. O responsábel da área da Seguridade Social afirmaba que para poder atender as novas pensións, dunha xeración que representou unha forte expansión da natalidade, co que implica en aumento do gasto, estes novos xubilados/as deberían asumir un recorte das contías ou traballar algúns anos máis.


A escusa de Escrivá é que o sistema se apoia na solidariedade entre xeracións, e que a clase traballadora será moito menor numericamente. Mais claro imposíbel, aínda que o ministro tivese que rectificar ao día seguinte, todo amosa que este tema está a debate no Governo e na Comisión Social. Pode que o Executivo non teña aínda unha decisión definitiva, e dado que se trata dunha proposta que afecta negativamente a unha gran parte da clase traballadora. E, mesmo que terminen aplicando esta receita terán que vendela mellor, cos menores custes políticos. Esperemos que non sexa así, aínda que tendo en conta os antecedentes non tería moita confianza.


Convén lembrar que as pensións contributivas están ligadas ás cotizacións dos asalariados/as actuais, esta é a conexión entre xeracións. E a cuestión non é que haberá menos persoas traballando por conta allea, senón que a participación no PIB das rendas do traballo é cada vez menor en beneficio dos lucros do capital, ao que hai que engadir as horas extras que se realizan e non se paga por elas, nen se cotiza (son necesarios máis inspectores/as para evitar a explotación e a fraude). Outro aspecto que non se pode obviar é que as tarifas planas para “incentivar a contratación” fanse a costa dos ingresos das pensións. Aínda así, se eliminamos todos os gastos que non corresponden ao sistema xeral, os aportes a superan o gasto en pensións contributivas.


Cómpre diferenciar as xubilacións que teñen orixe nas cotizacións individuais das prestacións, en forma de pensións ou complementos, que se outorgan por criterios de solidariedade, que deberían estar a cargo dos orzamentos do Estado. Da súa necesidade non hai dúbida, porén non hai razón para que se paguen cos recursos das pensións contributivas que son unha débeda contraida con cada traballador e traballadora en función dos anos e da contía cotizada. En resumo: nos se pretenderá máis unha vez reducir as pensións a un ingreso mínimo, dando pulo aos fondos privados, en beneficio das grandes corporacións?

Actualizar co IPC precede a unha rebaixa das novas pensións?

Te puede interesar