Fútbol, deporte de masas

Logo de moitas “miradas” reflexadas neste Diario o mesmo comentei algunha vez que me gusta o deporte, que fun afeccionado a practicalo e son afeito a ver case todas as manifestacións deportivas que se poñen ao meu alcance, e o fútbol está entre elas. Deporte de masas din, e abofé que teñen razón os que así pensan.

Pero coidado coa masa que soe ser desapiadada cando o vento cambia de dirección.

Lembro que outrora fun seguidor do Deportivo d ´A Coruña pola sinxela razón de que o seu presidente e máis eu fomos amigos, e eu desexaba éxito ao meu amigo. Logo el entrou nesa espiral na que o fútbol pasa a ser outra cousa que deporte. A vida levounos por camiños distintos e hai tempo que non nos vemos, pero esa é outra historia.

Ven a conto porque lembro perfectamente a época na que o Depor ía cóbado con cóbado cos mellores equipos de Europa ou o que é o mesmo, do mundo. Entón todo eran loas para Augusto César Lendoiro ata que chegaron os tempos de vacas fracas . De xestor fantástico pasou a chourizo e pouco menos que ladrón. Pero esa é outra historia. Ora ben, cadra para ver o noso comportamento como masa.

Arestora estamos mergullados no campionato de Europa de seleccións e os dous primeiros partidos non foron como para botar foguetes e a masa comezou a desacougarse, tanto que puxo en cuestión o traballo do adestrador ( todo membro da masa futboleira leva dentro un adestrador) e choveron aguillóns de punta sobre un rapaz, Álvaro Morata, dianteiro centro que, segundo a masa, tiña que meter goles si ou si, que para iso está un dianteiro. Pero éche aí que coma se dun milagre se tratase a selección comeza a gañar e o Morata a marcar e as cousas cambian radicalmente. O que denantes era un apaño de selección agora pasa a ser unha das favoritas e o deostado Morata o dianteiro que a selección necesita. A masa, como sabe tanto do fútbol e das súas tácticas reaccionou como soe reaccionar: cousa lóxica na masa.

A verdade é que logo do pesadelo de ano que pasamos, un pouco de todo isto non ven mal para escaparmos dunha pandemia que non rematou. Certo é que un pouco de circo se agradece cando o desacougo instálase na nosa vida e ven ser coma un síntoma de volta á normalidade circense na que habitualmente andamos. No centro da pista está o fútbol, logo o baloncesto, despois as Olimpiadas , e o Toni Cantó responsable da defensa dun idioma que está en perigo de extinción. Todo cabe na pista deste circo nacional que a masa aplaude con fervor. ¿Quen dá máis?


Fútbol, deporte de masas

Te puede interesar