“Verde que te quero verde” propón oito actuacións en Narón os domingos de xullo

Imaxe dun dos concertos da edición do ano pasado | d. alexandre
|

A praza Irmáns Freire de Xuvia e as rúas 25 de Xullo do Alto, Francisco Pizarro da Solaina e da Mariña Española acollerán nos mediodías –12.30 horas– dos catro domingos de xullo as actuacións da quinta edición do programa “Verte que te quero verde”, unha iniciativa do Padroado da Cultura de Narón que inclúe oito concertos enfocados a un público infantil e familiar.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron onte este evento dividido en catro datas co que, explicou a rexedora, “levamos á rúa os espectáculos culturais para que poidan gozar deles as veciñas e veciños, con propostas moi variadas”

A data de apertura deste cartel de xullo –este domingo, día 4– será en Xuvia e estará protagonizada por Oviravai e Roger de Flor e A Tribo. O primeiro grupo presentará os temas do seu debut discográfico, “As andanzas de Paio”, mentres que a banda liderada polo músico fenés ofrecerá un repertorio plurilingüe –galego, castelán, inglés e portugués– de ritmos e estilos diversos.

Tamén ás 12.30 horas, pero do día 11, actuarán na zona verde da rúa 25 de Xullo, onde está o Concello, Paco Nogueiras e Ukestra do Medio. Lydia Botana e Mad Martin Trío, o 18 na Solaina, e Sérgio Tannus e mais Emilia y Pablo, o 25 no parque da rúa Mariña Española, completan a programación desta edición do “Verde que te quero verde”.


Tanto Ferreiro como Sánchez Fojo animaron á cidadanía do concello e da comarca a asistir aos espectáculos que, como lembraron, serán, igual que as edicións anteriores, de balde.

“Verde que te quero verde” propón oito actuacións en Narón os domingos de xullo