O servizo de emerxencias sanitarias prestará servizo nas praias en xullo e agosto

O servizo de emerxencias sanitarias prestará servizo nas praias en xullo e agosto
Visita institucional aos socorristas no primeiro día da campaña de verán, o venres 18 | c.f.

O servizo de socorrismo completarase nos meses de xullo e agosto cun dispositivo especial de atención ás emerxencias sanitarias e primeiros auxilios. Comezará a funcionar o xoves día 1 e estará activo nas semanas nas que máis xente se chega a concentrar nos areais. Incluirá unha ambulancia e un vehículo de intervención rápida.

Este servizo sanitario estará atendido por dous técnicos en emerxencias sanitarias e dous en primeiros auxilios durante a semana. Traballarán pola tarde, de catro a oito. As fins de semana, festivos e días nos que se prevea unha especial afluencia ou temperaturas por enriba dos 30 graos, variará o equipo, con tres expertos en atención sanitaria e un en auxilios de urxencia. Entón traballarán desde as doce do mediodía, ininterrompidamente.

O dispositivo sanitario xa funcionou o verán pasado e serve de apoio aos socorristas, que comezaron a tempada o pasado venres. Recibiron a visita do alcalde, Ángel Mato, e do concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, para inaugurar unha atención nos areais que implica a 57 persoas repartidas entre Doniños, A Fragata-O Vilar, San Xurxo, Esmelle, Penencia, Santa Comba-Marmadeiro, Ponzos, Caranza e A Graña. Estas dúas últimas adoitaban ter salvamento menos tempo (contratábase cunha subvención aparte do contrato municipal). Este ano están incluídas no prego xeral polo que se prestará atención o mesmo tempo que nos demais areais, ata o 22 de setembro.

Os primeiros pasos da tempada de verán, que non estivo ata o momento acompañada polas condicións meteorolóxicas, continuarán esta mesma mañá, co izado das bandeiras azuis nas praias de Doniños, Esmelle, San Xurxo e A Fragata. O acto oficial está previsto para o mediodía, en Doniños, e contará con representantes municipais e de entidades veciñais.

As bandeiras azuis son un distintivo que naceu en 1985 e recoñecen a calidade da auga, a xestión ambiental, a seguridade e servizos e a información e educación ambiental. En España téñena 615 praias e 96 portos deportivos distribuídos entre 243 municipios. Ferrol é o único concello de Ferrolterra que ten esta distinción en catro das súas praias marítimas. A elas súmase As Pontes, que por primeira vez obtivo a bandeira azul para o lago artificial co que se encheu o oco da mina e que medra como recurso turístico da localidade. 

O servizo de emerxencias sanitarias prestará servizo nas praias en xullo e agosto

Te puede interesar