Territorio acoutado

Poemas e fotografías danse cita na mostra da Fundación Luis Seoane, “Territorio acoutado” , na que o lirismo saudoso da coruñesa Olga Patiño Nogueira é ilustrado polas instantáneas de Carlos Lorenzo Pérez ( Caracas, 1968). Esta colaboración, recollida en 2017, nun libro do mesmo título editado Por Espiral Maior, mostra os vasos comunicantes que sen dúbida poden establecerse entre as imaxes ( xa sexan metafóricas ou visionarias) da escrita e as figuracións visuais; pois, en suma, toda arte verdadeira debe estar transida de poesía.


Decía Rilke que a patria do poeta é a infancia i esa patria, ese territorio inocente e feliz foi para Olga Patiño o entorno de Carral: “ tempo prodixioso”, no que foi posible “ a máis fermosa colleita” e no que a nena estaba en posesión “do talismán da inocencia”. Carlos Lorenzo, como froito dun longo proxecto de investigación, en 2015 publicara “Fotos para as mil historias de Carral” e agora achégase de xeito sutil, en desdebuxados enfoques, a algúns dos recunchos de memoria que latexan nos versos de Olga Patiño i o que ofrece conxuga o misterio da intanxible luz coa evocadora maxia do que as lembranzas queren apreixar, mais que fuxe inevitablemente. Así o fai, para acompañar o poema que abre o libro, cos escorzadas lampos de cor vermella, verde e branca, coma sucos que se alongan baixo das viaxeiras nubes.


Na segunda foto pon chanzos de pedra gris invadidos por hedras, para “recuperar o alento” e sentir “ tremer as raíces/ baixo a terra”..Despois veñen ecos “... da auga/ ao pé da casa...” , en imaxe de muros graníticos con goteiras e pon reflexos brancos “...no lavadoiro da horta”. Hai, logo, unha foto de homenaxe para as “mans espidas” que amasaban o pan e outra para cantar aos roibos froitos outonais caídos no chan. Recolle, noutra, o misterio nocturno do campo da feira, coa súa ringleira de añosas árbores iluminadas por potentes focos,. O lume que quenta os ensoños da adolescencia é representado como acesa chama que fulxe no ámbito enorme da noite.


Tamén a noite serve para descubrir “criaturas luminosas” que pasan como vagalumes entre a titilante follaxe. A evocación das verbenas populares ven representada por ringleiras de luces punteando a leda escuridade. E non podía faltar a gozosa xerra de viño para gozar do dionisíaco instante “ ... nunha atalaia/ fulgurante de sons:” .Da liberadora maxia deses tempos idos fala a imaxe dun cabalo galopando ceibe pola verde chaira. Maravillosa foto a das augas do río enfoscándose entre as sombras da espesa follaxe. E veñen logo os retortos e furados troncos dos carballos con “...ollos con restos de alma...”. No conmovido chan , unha folla caída é levada polo vento; o “espazo da nostalxia” é un senlleiro banco no parque solitario e as lembranzas vanse “...desfacendo/ na choiva...” como pingueiras nun vidro empañado .Pon o colofón, un retorto camiño que rememora ausencias, con ecos dos mártires de Carral. Fermoso encontro, pois, este, no que poesías e imaxes abren ámbitos suxeridores cara o ido alén.

Territorio acoutado

Te puede interesar