A fronteira do deserto

Adesertización é a degradación da terra nas zonas áridas ou noutros espazos que preceden este estado de deterioración do medio natural. Está causada fundamentalmente pola actividade humana e as variacións climáticas que, malia a pasividade de autoridades e da mesma sociedade humana no seu conxunto, está a producir un fenómeno de quentamento global moito máis acelerado e profundo do que podemos percibir malia experiencia dos fenómenos extremos que se producen cada vez con máis frecuencia, entre eles pola proximidade da desfeita vivida ben poderían incluírse as tormentas, riadas e graínzo que deixou manifesta pegada estes días nos campos, vilas e cidades deste noso país. Polo tanto, este proceso non fai referencia ao avance dos desertos existentes, non. A desertización débese á vulnerabilidade dos ecosistemas de zonas secas, un terzo da superficie do planeta, á explotación desmesurada e ao uso inadecuado da terra. Tamén, a pobreza, ao desgoberno, a deforestación, ao pastoreo descontrolado e as malas prácticas de rega que inflúen negativamente na produtividade do chan.

Velaquí un serio problema para a supervivencia futura da humanidade, tal e como a coñecemos hoxe, que a institución das Nacións Unidas, nesta vontade de sensibilizar á xente e petar na responsabilidade das autoridades políticas, traslada aos Días Internacionais que neste caso é o da “loita contra a desertización e a seca”, convencidos de que pódese neutralizarse a degradación das terras mediante a procura de solucións, cunha firme participación da comunidade e da cooperación a todos os niveis. Cousa esa que require unha decidida atención aínda máis especial nestes tempos. Lembremos que cando a terra se degrada e deixa de ser produtiva, os espazos naturais deterióranse. Polo tanto, as emisión de gases de efecto invernadoiro aumenta e a diversidade biolóxica diminúe. Un problema que acentúa o risco dese fenómeno experimentado coa Covida-19, de transmisión dun virus de animal a humanos. Os espazos naturais e arborados son barreira de protección insuperábel fronte as inundacións e a seca.

Daquela, nesta data de reflexión á procura de “terras saudables para unha mellor reconstrución”, a Convención da ONU de loita contra Desertización pídelle ás institucións económicas e políticas que se trate á terra como un capital natural prezado e limitado, dean prioridade a súa saúde durante a recuperación da pandemia e se esforcen ao máximo coa fin de restauran ese espazo de vida. Función que é responsabilidade de toda a sociedade, individual e colectivamente, porque o futuro é un edificio a construír. O verdor vistoso das terras galegas non debe confiarnos do perigo, chega con ver ao avanzo imparábel da desertización no territorio peninsular. Fronteira permeábel.

A fronteira do deserto

Te puede interesar