Un libro necesario

O paraninfo da Universidade da Coruña ten unhas vistas espectaculares. Mesmo dá a sensación de estarmos enriba do mar, na cabina de proa dun barco a piques de zarpar. É por iso que, con moi bo criterio, os seus deseñadores e mais as autoridades académicas viron a necesidade de instalar unha cortina que, durante os actos, ocultase o exterior, en aras de evitar as probables distraccións dos presentes. Tan é así, que a apertura do pano, ao remate dos actos, adoita producir tremendo asombro a quen nunca antes estivera alí.


Tiven ocasión de experimentar esas sensacións, máis unha vez, hai un par de días, con ocasión da presentación do libro Universidade Galega sempre pública, da autoría de Xosé Luís Armesto, grande, benquerido e admirado amigo desde 1975, cando nos coñecemos naquelas precarias instalacións do Colexio Universitario da Coruña, ao pé da tribuna do estadio de Riazor. Vai para 46 anos. Que mellor espazo para presentar un libro de temática tan universitaria como de interese xeral, xa que a educación no seu conxunto é un asunto que, dun xeito ou doutro, lle afecta a toda a cidadanía; sen dúbida.


Neste seu libro, Xosé Luís Armesto recompila unha serie de artigos e discursos escritos, publicados e pronunciados na última década. Trátase, en palabras do prestixioso sociólogo Boaventura de Sousa Santos, tomadas do “Prefácio” que introduce a obra, de “Uma reflexão profunda sobre a universidade pública nos nossos dias”.


Os artigos están agrupados en sete seccións: “Autonomía universitaria”, “Investimento público”, “Igualdade de oportunidades”, “As persoas”, “Sobre os graos universitarios”, “I+D+i” e “Cooperación”, cada unha delas precedida da súa correspondente introdución, en todos os casos moi aclaratoria. Son 35 e viran a luz previamente na prensa entre o 28 de outubro de 2012 -o titulado “Periga a universidade?”- e o 7 de decembro de 2015 -“Empresa”. Engádelles un outro, de maior extensión e inédito: “Despois do confinamento”. É unha moi interesante reflexión sobre o que a aparición e a expansión do virus afectou aos servizos públicos, nomeadamente os que teñen que ver coa sanidade e a educación. Alértanos o profesor Armesto, con exemplos ben clariños, de determinados movementos e declaracións que se veñen producindo co obxectivo de deteriorar o público -que se demostrou indispensable, malia o seu desmantelamento cos gobernos do PP- para llo entregar a mans privadas para facer grandes negocios.


Once son os discursos, pronunciados polo profesor Armesto, nos seus anos de reitor, en actos académicos da Universidade da Coruña, que se recollen neste libro. O primeiro, obviamente, é o pronunciado no acto de toma de posesión, que tivo lugar o 13 de xaneiro de 2012, unha semana despois da morte de Isaac Díaz Pardo, Doutor Honoris Causa da institución, cuestión que quixo lembrar o novo reitor. O décimo primeiro foi o pronunciado con ocasión da apertura do curso 2015-2016 no sistema universitario galego, celebrado o 4 de setembro de 2015. Recóllese, así mesmo, o discurso de agradecemento da Medalla e Ouro da UDC -que coincidiu coa súa xubilación por acadar a idade regulamentaria-, que pronunciou, cando xa non ocupaba o cargo, o 19 de setembro de 2018.


Convídoos a que lean estas auténticas leccións maxistrais de educación e civismo. Verán como mo agradecen.

Un libro necesario

Te puede interesar