O taboleiro de xadrez climático

Imos entrar no mes de xuño que trae marcados, entre os días sinalados para petar na responsabilidade política á hora de afrontar grandes problemas sociais, nada menos que varias relevantes chamadas de atención climáticas, nada menos que o Día do Medio Ambiente, o Día Mundial dos Océanos; e aínda o das tartarugas mariñas, o da enerxía eólica, e tamén o día contra a desertización e a seca. Cinco boas ocasións para darlle un repaso á saúde do espazo no que habitamos. Unha necesaria reflexión que nos está pedindo o medio natural e os seus ecosistemas de diversidade biolóxica, especialmente diante da grave crise climática e de quentamento global neste planeta Terra que, unha vez máis, con toda dimensión de alarma vermella, está a dicir que o proceso vai máis rápido do temido, a beira do punto de non retorno. 


Grave asunto que, diante do desinterese que arredor del amosan os poderes do mundo, e tamén certos medios de comunicación que crean estados de opinión pública, pide a traer á memoria didáctica o chamado “problema do trigo ou do taboleiro de xadrez”, que ás veces pode mudarse á forma de grans de arroz, que fala do efecto matemático que representa a trabucada impresión dun resultado que, coa progresión imparábel da súa extensión, remata por ser inabarcábel. Unha lenda pedagóxica que, con variantes no final da historia, alerta dun simple enunciado: Se se colocase sobre un taboleiro de xadrez, de grande dimensión, un gran de cereal no primeiro dos sesenta e catro cadradiños, dúas no segundo, catro no terceiro e dobrando cada vez nos seguintes, o resultado final sería de tal cantidade que no habería suficiente existencia en toda a orbe terrestre para poder completalo. Arredor deste mito oriental foron construíndose teorías baseadas en estudios matemáticos para resolver problemas deste tipo; entre elas cabe sinalar a chamada “a segunda metade do taboleiro de xadrez” que fai referencia ao punto onde certo factor de crecemento exponencial comeza a ter un significativo impacto en toda a estratexia dunha determinada organización; sexa económica, de negocios, institucional ou social. 


Velaí a situación de emerxencia climática, alén dos acordos solemnes nos foros e organizacións diplomáticas de ámbito internacional. Cada novo período, duplícase o deterioro do medio natural e dos niveis de quentamento. É urxente unha reacción máis contundente e acelerada de freo, á que debe sumarse a concienciación social e unha fundamental educación ecolóxica. É tempo límite.

O taboleiro de xadrez climático

Te puede interesar