Continuidade ao “ano incompleto” de homenaxe a Carvalho Calero

Continuidade ao “ano incompleto” de homenaxe a Carvalho Calero
Imaxe da palestra con Bernardo Maiz, Delia Vázquez e Xosé María Dobarro arredor de Carvalho, moderada por Hermida | d.a.

Sete propostas, desenvolvidas ao longo do día baixo unha carpa instalada en Armas cun aforo de sesenta persoas, deron forma onte ao programa co que o Concello de Ferrol celebrou as Letras Galegas. Unha conmemoración que, tal e como dixo o alcalde, Ángel Mato, “para nós é especial, porque o ano pasado foi un ano incompleto”.


Logo de moito tempo reivindicando o 17 de Maio para Ricardo Carvalho Calero, a homenaxe finalmente concedida pola RAG en 2020 viuse truncada pola situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19. Coa meirande parte das actividades anuladas, a sociedade ferrolá, reclamou, sen éxito, a extensión a este 2021 da conmemoración dedicada ao que foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas.


Por iso, e repectando, iso si, o espazo dedicado á autora enxalzada este ano, Xela Arias, a figura de Carvalho Calero seguirá estando presente ao longo deste ano entre a cidadanía a través das diferentes propostas previstas polo goberno local.


Conversa

Na de onte, a principal achega arredor da figura do autor de Scórpio ou Xente da Barreira, chegou da man da palestra protagonizada por Bernardo Maiz, Delia Vázquez e Xosé María Dobarro. Baixo o título “Reivindicarmos Carvalho Calero”, salientaron a traxectoria dun galeguista que ao longo de case sete décadas desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, acádemico, docente ou político, entre outros eidos. A xornalista ferrolá Patricia Hermida encargouse de moderar a conversa.


Antes desta cita, celebrada pasada a unha do mediodía, o programa das Letras Galegas, desenvolvido baixo o lema “Voar sobre a terra” –tomado dun verso de Carvalho– comezaba arredor das once da mañá coa representación teatral “Acuario”, do grupo Ghazafelhos xunto a María Canosa, para continuar, ás 12.00 horas, coa participación do escritor ferrolán Xesús Constenla, que falou, de novo con Patricia Hermida, da súa novela “O peso do cerebro”.


Unha análise sobre o xornalismo –coa intervención de Carme Domínguez e Xosé Manuel Pereiro–; a proposta “Unha mente que voa” do divulgador científico Xurxo Mariño; o achegamento á figura de Xela Arias da man de Emma Pedreira e Laura Romero; e un recital de música con alumnos e alumnas do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol, completaron a intesa xornada celebrada na céntrica arredor das Letras. 

Continuidade ao “ano incompleto” de homenaxe a Carvalho Calero

Te puede interesar