Aos meus anos, pouco collo xa o coche. Cada vez é máis complicado manexar con tanto tráfico nas rúas. Hoxe, aproveitando que tiña que facer unhas xestións en Ferrol, fixen a proba, no traxecto que vai dende Caranza ao centro da cidade, de respectar a limitación recen imposta de non pasar dos 20/30 Km/h.
Eu nunca presumín de Nubolari, pero semella que a cousa non é doada, o que vai a ter consecuencias no tráfico, con aumento dos accidentes, dos atrancos e da contaminación, por non falar da súa repercusión no estado anímico dos propios condutores. Todo o contrario do que se pretendía.
Non sei si antes de tomar esta decisión, estudouse polo miúdo, por quen corresponde, a súa repercusión, ás súas consecuencias, os pros e os contras. A min, á vista das probas que fixen hoxe, paréceme, cando menos discutible. É moi difícil manter velocidades tan baixas o que vai dar lugar a situacións comprometidas entre condutores e mesmo peóns. Vai aumentar asemade o número de multas, por se xa fóra pouco o estrés ao que estamos sometidos os condutores.
O control destas tan reducidas velocidades, ten que facerse a costa de gobernar, alternativa e continuamente, acelerador, embrague e freos, no vexo outro xeito de facelo, co conseguinte desgaste e perigo de avarías. O meu é un coche de baixa gama, dígoo porque a dificultade, loxicamente, aumenta coa potencia do motor e as dimensións/peso do vehículo.
A sección de tráfico dos concellos, ten moito que dicir sobre esta nova normativa pero tamén os condutores teñen a obriga e o dereito de opinar ao respecto; non estaría de máis facer unha enquisa coa opinión de tódalas partes implicadas e retirala se preciso for. O problema é que as sinais coa nova limitación xa están instaladas por toda a cidade, sen darlle un tempo á experimentación.
Todo sexa por un tráfico máis fluído nas cidades e a diminución do número de accidentes e de atrancos, como meta principal, sen esquecer a saúde dos condutores e as posibles avarías nos coches, sobre todo como digo, en embragues, freos e mesmo na carga/descarga das baterías. E xa non falemos do consumo de combustible.
Resumindo, a miña opinión é que a nova lei, claramente vai prexudicar máis que mellorar o tráfico, que xa está complicado dabondo. Así o penso e así o digo.