A escolla de Barrabás

|

Larrabás, no noso idioma é substantivo masculino que define ao home que comete actos criminosos e ao varón ou neno que fai falcatruadas ou trasnadas. Nos dous casos, condutas que socialmente son rexeitadas ou mal vistas. Curiosa metamorfose de traer a unha lingua viva, neste caso a galega, a importación á linguaxe cotiá dunha figura histórica, Barrabás, que mesmo pode ser unha construción artificiosa do relato bíblico para crear unha parábola de moitas e varias lecturas. A xénese do sabido fala da escolla popular, instigada polo prefecto da provincia romana de Xudea, ofreceu á poboación concentrada no momento da crucifixión de Cristo a posibilidade de salvalo; e, no canto diso, a multitude optou por darlle esa vantaxe e privilexio a Barrabás quen nos evanxeos aparece sinalado como ladrón e mesmo homicida; en todo caso un individuo do peor da especie humana. Claro é, esta figura real ou figurada, ten claros matices antisemitas cos que se induce a culpar aos xudeus pola elección feita; e, tamén, deixar sen culpa aos romanos invasores que desvían así a súa responsabilidade indiscutíbel cargado o morto aos outros.


Así e todo, este mito histórico convertese en metáfora dos novos tempos políticos no que se está a manifestar un cambio de patrón nos comportamentos racionais para situar o novo paradigma na frustración social e nunha certa depresión das clases populares que propicia a eleccións, a escolla por voto, de opcións e fenómenos que chocan contra toda lóxica do natural agardado; e peor aínda, claramente en contra do interese de clase das persoas que elixen esas opcións. Casos de ámbito mundial vivos que gardamos na retina da imaxe, discurso e actuación de persoas que encabezaron ou aínda continúa na ponte de mando de Estados que pasan por ser do máis avanzado a nivel internacional; e, seguindo esa mesma estela, resultado último dun dos territorios máis notábeis do ámbito español. Unha dinámica de raíz emocional na que pesan argumentos, falsas noticias e campañas de creación de estados de opinión pública que, de non mediar esa crise soportada pola cidadanía, non serían capaces en modo algún de producir ese efecto de comportamentos que amosan unha patoloxía de complicidade das vítimas cos seus vitimarios.


É tempo de afrontar con decisión o paro da mocidade, o acceso á vivenda, potenciar un sistema educativo que garanta saber distinguir entre verdade e mentira, erradicar o traballo precario e a desigualdade, poñer coto aos abusos dos poderosos, asegurar a sanidade pública e recoñecer os dereitos das comunidades nacionais. Non hai outro camiño mellor para recuperar o sentidiño. 

A escolla de Barrabás