Liberdade?

Non me digan que non hai que ter a cara ben dura para se erixiren en adaís da liberdade aqueles que non son outra cousa que os herdeiros naturais dos que botaron anos e anos, e máis que houber, machacando as liberdades. Velaí que a día de hoxe aínda non tiveran a mínima decencia de condenar a fascistoide ditadura proclamada por Franco. Ditadura que, ademais, de represora de liberdades, foi niño de vellas e novas corruptelas, cuxas mañas aprenderonmoitos dos e das corruptas que arestora nos rodean. Porque á liberdade para enganar, para defraudar, para lucrarse nunca lle puxo couto a tiranía franquista, máis ben deixou que os seus prebostes a exercesen. 


Certo é que, ao carón desas liberdades para privilexiados, había algunha que outra liberdade, como a de malvivir ou a de emigrar. A xente foise fartando e foi reclamando e conquistando algunhas que outras liberdades e melloras sociais cun alto custo de vidas, sangue, suor, lágrimas e moita e fonda dor motivada pola represión, que o ditador, non o esquezamos, nunca parou de matar ata a súa morte. Mais non se cumpriu o dito de que morto o can acabou a raiba. Os herdeiros do réxime continuaron matando e reprimindo ao tempo que argallaron unha amnistía da que os principais beneficiarios foron precisamente eles. Ficaron limpos de todos os delictos que se lles puidesen imputar. Se xa estaban perdoados polo seu Deus, a súa igrexa e os curas das súas parroquias coa amnistía quedábano tamén pola xustiza que podería ter vido. Todo ben enfeitado mesmo con música, con esas cancións que, para ben ou para mal, adoitan acompañar as nosas vidas. Como non recordar aquel “Libertad sin ira”, que o grupo Jarcha levara ao número 1 das listas de éxitos. Con letra dun publicitario de éxito, Rafael Baladés, e música de José Luis Armenteros e Pablo Herrero, compoñentes do exitoso conxunto Los Relámpagos, aparecera, en outubro de 1976, acompañando o lanzamento do xornal Diario 16. Prohibida ao pouco da súa aparición pola censura, axiña se instrumentalizou politicamente. Aquel estribillo acaíalle ben ás intencións dos xerarcas do momento. Xa chegarían as liberdades. Mais, que tipo de liberdades? Evidentemente, o primeiro era que os dirixentes non perdesen as que viñeran exercendo nas décadas anteriores. Logo xa se abriría a man a actividades que estiveran prohibidas, mais sempre coa cautela de manter o máis intactas posible as estruturas. Na liña do coñecido paradoxo “que todo cambie para que nada se conmova” de Tomasi di Lampedusa.


Esa é a liberdade da que anos despois segue falando Díaz Ayuso e todo o PP. A de que uns poucos mangoneen todo e a inmensa maioría se apañe coas migallas. Se é que lle chegan. Porque o PP, facendo un uso dislocado da palabra liberdade, non se refire para nada ao concepto de liberdade que serve para arranxar os problemas básicos da xente, eses que sintetizou moi ben Esa idea que o músico e escritor portugués Sérgio Godinho sintetizou na súa xa vella canción “Liberdade” : “Só há liberdade a sério / quando houver / A paz, o pão, / habitação, saúde, educação / Só há liberdade a sério / quando houver / Liberdade de mudar e decidir / quando pertencer ao povo o que o povo produzir”.


Porque gustaría que alguén me explicase como se pode entender que vai defender a liberdade un partido que promulgou a chamada Lei Mordaza?


Que lonxe lle queda a esa xente a grandeza dos versos de Eluard: “E polo poder dun vocábulo / recomezo a miña vida / nacín para coñecerte / para nomearte // Liberdade”.

Liberdade?

Te puede interesar