Concello e Galaxia reeditan “Alén”, de Quintanilla, no seu centenario

O bisneto de Quintanilla agradeceu ao Concello e Galaxia a iniciativa e animounos a facer o propio co resto da súa obra | j. meis

Un século despois de que saíra á luz e sacudira co seu vangardismo e frescura o xénero teatral do país, “Alén”, de Xaime Quintanilla –1898-1936–, volve saír do prelo, neste caso o de Galaxia, que, coa colaboración do Concello de Ferrol, vén de reeditar unha obra que, segundo o director xeral da editorial viguesa, “aínda hoxe, cen anos despois, chamaría a atención pola súa modernidade”.


O patio do Centro Torrente Ballester acolleu o acto de presentación, no que, ademais do alcalde, Ángel Mato, e representantes dos grupos municipais, participou a familia de Quintanilla. Un dos seus descendentes, Xaime, o bisneto, agradeceu a iniciativa do Concello e de Galaxia de recuperar “a memoria do meu bisavó” e animounos a seguir nese camiño co resto da súa obra literaria.


“Bo e xeneroso”

O rexedor da cidade naval quixo resaltar “o humanismo e o galeguismo” de Quintanilla, mais tamén a súa bonhomía, que ilustrou co nome co que era coñecido na época que viviu, “o médico dos pobres”, e co compromiso e defensa das súas ideas progresistas, defensa, lembrou Mato, que “pagou carísima, coa súa vida”. “Foi un home dignísimo de admiración”, engadiu.


O alcalde laiouse, porén, de que Quintanilla Martínez non teña “o recoñecemento que debera” e sinalou que precisamente para tratar de corrixir esa situación xurdiu a idea de reeditar “Alén”, xustamente no centenario do seu lanzamento orixinal.


“É un dos mellores referentes que ten non só esta cidade, senón tamén Galicia”, apuntou o alcalde, que, subliñando a calidade da peza teatral, incidiu ademais en que igual de importante é “o exemplo que foi a súa vida, que é un modelo para todas e todos nós”, non só, continuou, para Ferrol e os seus habitantes, senón tamén para Galicia, que, dixo, “ten que reivindicar a Xaime Quintanilla Martínez como un dos seus referentes”. 


Francisco Castro, director xeral de Galaxia: “Ten méritos dabondo para o Día das Letras”

O director xeral de Galaxia, Francisco Castro, explicou que esta reedición pretende ser un “exercicio de memoria histórica, de saúde mental e de xustiza” a Xaime Quintanilla, un humanista e galeguista, reiterou, “que andivo por estas rúas facendo o ben e que rematou perdendo a vida a mans do fascismo”. “Quintanilla”, proseguiu, “está no lado correcto da Historia”.


Ademais dos seus valores como persoa, Castro subliñou a calidade dunha obra como “Alén”, que aínda hoxe, en 2021, “chama a atención pola súa modernidade”. “O feito de desenvolverse en Manhattan”, explicou, supuxo un cambio de perspectiva nun eido, o da dramaturxia, no que “imperaba o costumismo”. “Alén”, insistiu, “é atrevida na súa temática e na súa proposta vangardista”, calidades que se extrapolan ao resto da súa obra literaria, que, asegurou Castro, “ten méritos dabondo” para que a Academia Galega considere nun futuro dedicarlle o Día das Letras. Cando o asasinaron, con tan só 38 anos, xa tiña publicadas obras que o situaban como un dos referentes do teatro naquela altura. “Podemos imaxinar”, recalcou Castro, “o que tería saído da súa imaxinación se non o matasen”. 

Concello e Galaxia reeditan “Alén”, de Quintanilla, no seu centenario

Te puede interesar