Máis dunha trintena de escritores pasarán pola Feira do Libro de Ferrol

Severino Álvarez, Antonio Martínez, Golpe e María Muíño, onte no Concello | j. meis
|

Ferrol inaugurará esta fin de semana –desde o venres e ata o domingo en horario de mañá e tarde– o calendario das Feiras do Libro de Galicia que nos vindeiros meses espallaranse por diferentes localidades galegas, ata unha ducia de citas. A praza da Constitución –finalmente a organización decantouse por este espazo fronte á de Armas– acubillará un ano máis as novidades editoriais que, desta volta, chegarán ao evento da man das cinco librarías participantes: Pedreira, Day, Cortizas, Galiano e Metropolis Cómics Ferrol. Todas elas ofrecerán descontos do 10% en todas as compras efectuadas polos clientes.


Haberá tamén durante os tres días presentacións e sinaturas de libros, con gran participación de autores e autoras da cidade e comarca. O escritor ferrolán Henrique Dacosta será encargado de inaugurar o encontro nun acto previsto para as 12.30 horas do venres, momento no que procederá á lectura do pregón. Acompañarano o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o deputado de Cultura, Xurxo Couto; e o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, Antonio Martínez.


As librarías Pedreira, Day, Cortizas, Galiano y Metrópolis Comics secundan este ano a cita


Este último tomou parte onte na rolda de prensa celebrada no Concello de Ferrol para achegar os detalles dunha feira pola que pasarán, ao longo dos tres días, un total de 34 escritores e escritoras coa finalidade de presentar e asinar as súas obras. Paula Merlán, Emilio Tresgallo, Pilar García Negro, Xurxo Souto, María Moure de Oteyza, Alberte Momán, Miguel Castro, José Antonio Ponte Far, Teresa Cameselle, Antón Cortizas ou Jorge Meis serán algúns deles. A feira, que o pasado ano tivo que ser cancelada por mor da pandemia, desenvolverase baixo o lema “Libros no Camiño”, en recoñecemento do ano santo, apuntou Martínez. Contará así mesmo cun protocolo de actuación para “transmitir seguridade tanto a visitantes como a participantes “sen perder o máis valioso” dun evento destas características: “a interacción entre os profesionais do mundo do libro”.


Ademais da desinfección diaria e do uso de máscara protectora, os visitantes deberán respectar a distancia de seguridade e hixienizar as mans antes de acceder a cada caseta, engadiu. Tamén estará sinalizada a entrada e saída a cada unha delas e o pago preferente será o electrónico.


Esforzo

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, salientou pola súa banda, o “importante esforzo” que fai o Concello por manter activa a actividad cultural da cidade “con todas as medidas de protección”.Insistiu en que “a cultura é segura” sempre que se cumpran todas as medidas oportunas e agradeceu ao conxunto do sector libreiro a súa “aposta e implicación” neste evento, que desta volta, e debido a situación actual, será “sinxelo” pero “moi esperado polos nosos veciños e veciñas”, dixo.


O xefe de servizo de coordinación cultural da Xunta, Severino Álvarez, salientou “o esforzo e tesón dos libreiros” de Galicia mentres que a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, destacou o traballo que hai detrás dun libro e apuntou que a celebración da feira é un “motivo de ledicia para todos os amantes da lectura”.

Máis dunha trintena de escritores pasarán pola Feira do Libro de Ferrol