Voluntarios e membros de Protección Civil de Ferrol trasladaron aos postos de vacinación a máis de 250 persoas

Máis de 4.000 persoas de entre 70 e 79 vacinaranse en dous días nas instalacións da Malata | j.m.
|

O agardado SMS que notifica a cita para a vacinación contra o covid mobiliza de inmediato recursos familiares para poder acudir con puntualidade. Aínda que os centros de saúde seguen a ser lugares nos que se administran doses –aí empezou o grupo de maiores de 80 anos– e tamén hai desprazamentos a fogares para inmunizar aos grandes dependentes, a maioría dos pacientes tiveron que desprazarse aos hospitais ferroláns ou á Feira de Mostras.


Os concellos propoñen alternativas para os veciños que non dispoñan dun medio de transporte axeitado. É o caso de Ferrol, que puxo a funcionar a finais do mes de marzo un servizo especial no que participan Protección Civil e membros da Oficina Municipal de Voluntariado. Ata o de agora, trasladaron aos distintos puntos de vacinación a máis de 250 persoas, segundo a información do goberno local.


Os pacientes con dificultades para acudir á cita, ben por ser mariores, ter algunha discapacidade física ou cognitiva ou mobilidade reducida –pero non encamados–, poden solicitar este servizo no teléfono 981 320 000.


As concellerías de Seguridade e de Benestar Social colaboran nesta iniciativa que mobiliza cada día a 13 membros de Protección Civil en quendas de mañá e tarde, ademais de a voluntarios da oficina municipal que estiveron nas últimas semanas recibindo formación básica.


Máis de 4.000 doses

A chegada de novas doses, sobre todo de Pfizer, fai que se continúen a organizar estas vacinacións masivas en FIMO, coas que se consegue inxectar a centos de persoas nun día.

As citacións de onte, que continuarán hoxe, durante mañá e tarde, céntranse na franxa de idade entre os 70 e os 79 anos. Son 2.100 persoas cada día, polo que se poñerán ao rematar a xornada de hoxe máis de 4.000.


Para estas idades utilízase o preparado de Pfizer, que se inxecta en dúas doses, con 21 días de diferenza entre cada unha delas. A máxima defensa contra o coronavirus conséguese unha semana despois de poñer a segunda vacina. É a que se utilizou para inmunizar as residencias e tamén entre os maiores de 80. Na actualidade, nos centros sociosanitarios non hai ningún caso activo de coronavirus e os contaxios e a mortandade entre as persoas maiores baixou considerablemente (un descenso do 88,4% na taxa de positividade, segundo os datos publicados onte polo Sergas).


Nova carpa

O Concello de Ferrol colabora co Sergas na organización desta vacinación en FIMO. A principios do mes de abril ampliouse o dispositivo de seguridade coa instalación do hospital de campaña e o posto de mando avanzado. O primeiro ten unha superficie de 60 metros cadrados e o segundo, de 30. Ademais, agora albergan unha vintena de cadeiras de rodas para os veciños que as precisen mentres agardan para ser vacinados. Ademais están habilitados 250 estacionamentos.

A este despregue vén de engadirse unha nova carpa na entrada do recinto, coa finalidade de facer máis cómodo o proceso. 

Voluntarios e membros de Protección Civil de Ferrol trasladaron aos postos de vacinación a máis de 250 persoas