Demografía pandémica

Era visto, os efectos económicos e sociais da pandemia sanitaria producida pola Covid-19 e a súa xestión, non ían tardar en manifestarse na súa crueza en varios aspectos das vidas persoais e no marco do colectivo social. Radiografía numérica do andazo que se expresa nesa ciencia que estuda por medio de estatísticas aspectos das colectividades humanas que coñecemos por demografía. Velaí, para falar con papeis que calan barbas, varios dos datos que contén a Enquisa Continua de Fogares, referida ao rematado ano 2020, elaborada polo Instituto de Estatística, INE, feita pública agora. A comezar por asuntos relacionados coa natalidade ou a mortalidade que, no primeiro dos casos arrancou, nestes primeiros meses do ano que está a correr, en mínimos históricos, apuntado na Estimación Mensual de Nacementos coa que se comparan os últimos oitenta anos, por máis que o confinamento tivese representado unha ocasión de convivencia e de tempo para relación intensa entre as parellas. Polo que atinxe á expectativa de vida, o efecto de mortalidade da pandemia que se cebou sobre persoas de máis idade, especialmente as internadas en residencias, fixo que se retrocedera en máis dun ano e medio na esperanza de vida ao nacer, rachando así o crecemento continuado anterior.


Así e todo, na citada ECH debe repararse no aspecto negativo da imposibilidade de emancipación entre a mocidade menor dos trinta anos, cousa que arrastrada de atrás agora acentúa un problema que pon el solfa a inutilidade das políticas teóricas que declaran perseguir o emprego xuvenil. A realidade é que máis da metade deste colectivo vese obrigado a vivir na casa dos seus pais ou con algún deles. Este feito ten a ver co incremento da vivenda en propiedade no canto da arrendada, levando o paso contrario a moda europea, porque a xente moza habitual usuaria desta modalidade acusa inestabilidade laboral, insuficiencia de ingresos e atranco no alto custo dos alugueiros que continúan a ver ese fervellasverzas causado no proceso de regularizar o prezo.


Na parte que aborda aspectos referidos cos fogares, xunto coa dependencia da xente moza, persiste unha tendencia, incrementada novamente, que anuncia futuros problemas de soidade, especialmente entre o grupo de mulleres con máis de sesenta e cinco anos que supoñen practicamente a metade do crecente número de vivendas ocupada por unha soa persoa, nada menos que unha de cada catro existentes. Hora é de pór remedio. 

Demografía pandémica

Te puede interesar