Incerteza

Estamos mergullados na incerteza logo de ter coñecemento da posta en marcha da vacinación a nivel xeral contra a pandemia que nos abafa. A ciencia apurou o indicible para poñer no mercado varias vacinas que puidesen mitigar os efectos dun virus que puxo contra as cordas a humanidade enteira. Xa están aquí e benvidas sexan pero hai unha palpable vacilación respecto a como se está a desenvolver a administración das mesmas.


O obxectivo para poder entrar na nova normalidade é que para comezos do verán estea vacinada un 70% da poboación pero ao ritmo que van resulta moi pouco fiable esta apreciación. En primeiro lugar non se están a recibir as doses pactadas coas empresas fabricantes das vacinas e por outra banda haberá países que non poderán acceder a tan prezado remedio porque as farmacéuticas, malia recibir miles de millóns de euros do erario público, non están dispostas a ceder nisto dos dividendos. Imaxino que para renunciar ás patentes haberá que recorrer ás indemnizacións, e dicir: á inxección de máis diñeiro. E nesas estase movendo a cousa, na dicotomía economía e saúde.


Unhas vacinas precisan de dúas doses para acadar a pretendida eficacia, conservación a -160 graos centígrados, outras son monodoses e de máis fácil mantemento, unhas recomendadas a unhas idades e outras a persoas máis vulnerables, e en xeral tampouco están perfectamente controlados os efectos secundarios por mor das presas que unha situación de alarma así requiría.


Din que a vacina AstraZéneca non se debe administrar a maiores de cincuenta anos e a min que xa pasei con creces desa idade aínda non me explicaron o porqué. Tampouco se será mellor dúas doses que unha, se é posible a inmunidade permanente ou haberá que vacinarse unha vez ao ano, se estas vacinas son efectivas diante das mutacións que xa está experimentando o virus, e máis cousas que conviña saber para saír da incerteza que nos oprime.


Non houbo tempo real para experimentar con ratos e macacos e así as cousas non haberá máis remedio que constituírmos en coellos de indias e comprobar os resultados a feitos consumados e ver se así se acada a esperada inmunidade de “rebaño”, curiosa denominación que deixa ben claro o que representamos: un rabaño nin máis nin menos.


É unha utopía poñer de acordo a todos os seres humanos, pero se isto fose posible, malia as vacinas, coa necesaria disciplina, gañaríamos moito tempo nesta loita contra un virus que nos necesita coma receptáculo e como medio de transporte. Veremos.

Incerteza

Te puede interesar