Construcción naval, defensa, enerxía, alimentación, saúde e turismo, eixes para o futuro de Ferrolterra

Construcción naval, defensa, enerxía, alimentación, saúde e turismo, eixes para o futuro de Ferrolterra
González Laxe, falando, co alcalde Ángel Mato e, ao fondo, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez | j.m.

O futuro que visiona o catedrático de Economía Aplicada da UDC Fernando González Laxe para Ferrol e a súa comarca apóiase en seis eixes fundamentais: a construcción naval, a Defensa, a industria vencellada á enerxía, a cadea alimentaria, a saúde e o turismo integral. Esas son as bases dunha Ferrolterra competitiva a medio e longo prazo e que sexa tamén atractiva. González Laxe presentou no Concello o estudo “Estratexias de competitividade de Ferrol e comarca”, encargado polo Eixo Atlántico, e no que se insiste en cuestións que nos últimos tempos non deixan de estar sobre a mesa cada vez que se fala do sector industrial nas comarcas: modernización do estaleiro, aproveitamento do porto exterior, e das súas posibilidades loxísticas e de conexión internacional, a aposta polas enerxías limpas ou reforzamento da relación coa universidade e, así, tamén da innovación.


O punto de partida é o dunha poboación en descenso, avellentada, cun crecemento vexetativo negativo e que non atrae inmigrantes. Ten unha elevada taxa de paro pero, neste colectivo, unha elevada capacitación que o pon nunha situación vantaxosa ante novas oportunidades. Posúe, ademais, un panorama industrial disperso, con poucas empresas que superen os 50 traballadores e, pola contra, moitas que son unipersoais. Nos aspectos máis positivos, subliña a súa forte especialización enerxética e industrial, que a converten nunha comarca ben preparada para afrontar os cambios tecnolóxicos.


A maiores, González Laxe chama a atención sobre un índice de benestar por riba da media galega e sobre a elevada autoestima e “a forte capacidade de unión e de solidariedade que existe na comarca”, propia, explicou, de territorios insulares ou illados.


“Hai que ofertar para medrar, para multiplicar e desenvolverse. Tes que ser moi competitivo nun entorno moi grande e ser atractivo. A competitividade fana fundamentalmente as empresas e os cidadáns e a atractividade de-senvólvena fundamentalmente as institucións”, apuntou o autor.


“O informe demostra rigorosamente, con datos, que Ferrol ten futuro”, apuntaba ao comezo do acto o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. El insistía na necesaria implicación dos gobernos central e autonómico, nas melloras das infraestruturas e na implicación de toda a sociedade presionando nunha mesma dirección.


O alcalde ferrolán, Ángel Mato, destacou o traballo rigoroso e o feito de que “recolle algunhas das cuestións que reclama o Concello desde hai tempo”. Debullou algunhas das iniciativas nestas áreas de futuro e insistiu na modernización do estaleiro, “que vai ser algo fundamental para poder abordar os vindeiros 30 anos”. O estudo, afirma Mato, propón unha orientación e unhas pautas “para consolidar Ferrol como un polo industrial e de innovación”.

Construcción naval, defensa, enerxía, alimentación, saúde e turismo, eixes para o futuro de Ferrolterra

Te puede interesar