Mobilización social e firmeza institucional

|

Este dez de marzo, Día da Clase Obreira galega, pon de novo no centro de atención de toda Galiza a Ferrol como naquel 1972 tan tráxico en vidas humanas, por mor da represión da ditadura franquista, mais tamén exemplo dunha clase obreira reivindicativa e combativa. Porén a situación económica e social non podía ser máis distinta, daquela a actividade naval estaba en pleno auxe, cunha forte masa obreira constituída polo cadro de persoal de Bazán, Astano e auxiliares. Naquel contexto as reclamacións eran de mellora das condicións laborais e conquistar os dereitos democráticos esmagados polo réxime.


Dende a chamada reconversión do naval, asumida polo Governo central no marco da integración na Unión Europea, comezou no sector un proceso de desmantelamento. Este houbese rematado hai décadas a non ser pola forte resposta dos traballadores do sector, co apoio do povo da comarca e de toda Galiza. E hoxe máis unha vez, coa escusa da pandemia, Navantia está a mínimos e carece de carga de traballo para uns anos, seica pendente dun encargo da armada.


Por se non abondase sumaselle o peche da central térmica de Endesa, sen que exista unha alternativa clara, só posíbeis proxectos que non se concretan, e que ademais só recollerían unha parte pequena do persoal. Quedan atrás os anos nos que os lignitos e a produción eléctrica eran fonte de riqueza e os excedentes da produción eléctrica e os lucros obtidos formaban parte importante dos ingresos do Estado.

Por xustiza debería ser este o momento para que este proceso se revertera en beneficio das bisbarras afectadas. Asemade, non se pode ignorar que este golpe sobre as empresas máis dinámicas da zona vaise ampliar afectando a aquelas máis pequenas, da industria e os servizos, destruíndo emprego e restando peso económico e demográfico.


A gravidade do momento non se pode obviar, mais tampouco que a mobilización social así como a folga convocada para este dez de marzo nas terras de Ferrol e Ortegal son esenciais para frear o desmantelamento e forzar proxectos alternativos, como se conseguiu en parte en procesos anteriores. A outra resposta necesaria e importante está en mans da Xunta de Galiza, e outras institucións, xa que deben converter estas cuestións tan transcendentes en problemas de país, de confrontación co Estado se non se lles dá unha saída favorábel. Neste escenario considerar que abonda con declaracións verbais non é máis que derrotismo, na práctica é deixar que todo siga o camiño da desfeita marcado polos poderes económicos e políticos dominantes. Ulo a autonomía?

Mobilización social e firmeza institucional