Mobilizacións e estado de ánimo

As mobilizacións realizadas no Estado español polo ingreso en cadea de Pablo Hásel, cunha participación apreciábel en Cataluña e Madrid, amosan o descontente existente na sociedade. Esta condena foi a muxica que acendeu o lume. Na nación galega tiveron menos repercusión, mais iso non implica que non se deban ter en conta e que as súas reivindicacións non sexan xustas, máxime cando poñen o acento no déficit democrático, no esgotamento da monarquía, e na falta de futuro para amplos da sociedade, especialmente da mocidade (desemprego, precariedade, baixos salarios). Problemas que na Galiza están moi agudizados, como amosa o retroceso demográfico, e a emigración da mocidade... e do capital.


Todo indica que estas eivas e as contradicións sociais iran a máis, xa que a reconstrución aínda que poña o acento na economía verde e na dixitalización, non se acompaña de cambios estruturais, polo que terá consecuencias desastrosas sobre o emprego e os ingresos do traballo en beneficio dunha maior concentración e centralización da riqueza e do poder. Avances tecnolóxicos tan importantes terían que servir para reducir a xornada laboral, redistribuír os ingresos, e mellorar os servizos e prestacións públicas, para construír sociedades máis xustas, igualitarias, solidarias.


Agora ben, para alén das medidas máis urxentes para evitar a rebelión social (ERTEs, SMV, etc), os prestamos e subvencións que van chegar da Unión Europea están condicionados a novas regresións laborais e nas pensións, como xa se recoñece, coa escusa da crise do covid-19 e da competencia internacional. O que evidencia até que punto, para alén de medidas tácticas, conxunturais e moi especificas, no estratéxico aproveitase toda situación, sexa de avance ou retroceso no económico, para xustificar recortes laborais e medidas restritivas da participación popular. E esta tendencia estase acelerando como reflicte a vergoñenta e inxustificábel concentración dos lucros nun reducido número de corporacións e persoas, mentres a pandemia fai estragos en boa parte do mundo.


Polo tanto, resultan comprensíbeis e necesarias as mobilizacións, as protestas. Mais para que sexan efectivas, para que non só reflictan un estado de ánimo e consignas, para evitar que se utilicen por pequenos grupos incontrolados (ou polo sistema), ou sexa, para que non sexan conxunturais e sirvan para transformar a realidade, deben estar asociadas á unha organización potente, a obxectivos a medio e longo prazo, e a unha folla de ruta transformadora. Aprenderemos da historia e da praxe?

Mobilizacións e estado de ánimo

Te puede interesar