A poética de Porto Leis, último alcalde de Serantes

erantes, hoxe unha das parroquias do rural do municipio de Ferrol, foi no seu día concello. No momento actual aínda é posíbel vermos o antigo edificio do que fora a cámara municipal convertido en Centro de Saúde. 
O citado concello ocupaba todos aqueles territorios que a xente máis vella de Ferrol chegaría a denominar como de “fóra de portas”. 
En definitiva, Ferrol remitiría ao que máis estritamente urbano se refería, isto é, barrio da Magdalena e adxacentes (Ferrol Vello, Esteiro e Canido), ao tempo que Serantes remitiría ao restante rural (Brión, Doniños, Covas, Mandiá, Esmelle, etc.). Alejandro Porto Leis, o último alcalde do desaparecido concello de Serantes, ansiaba a unión entre os dous municipios e así o manifestara en artigos xornalísticos, fusión que se viría a fraguar no 21 de xaneiro de 1940. 
Hoxe non é ningún segredo sabermos como aconteceu a morte do último alcalde de Serantes. Xuntamente con outros tres homes, Modesto del Río, Jesús Miño e Avelino Landeira, foi “paseado” na noite do 1 ao 2 de febreiro de 1938 na praia da Frouxeira. 
Pero máis de 70 anos tiveran que pasar para que as catro familias atinxidas pola barbarie do asasinato político se poderen reconciliar. Acasos que ten a vida, pois uns recortes de xornal e un libro confeccionado con varios artigos achado no faiado da vella casa do alcalde, deu pé para a elaboración dun documental, “O segredo da Frouxeira”, realizado por Xosé Abad. O relato, contado con sinxeleza e serenidade, contén todas as vicisitudes que deran lugar á detención, á apertura de “dilixencias”, á suposta fuxida dos detidos e ao aniquilamento posterior destes na praia valdoviñesa. 
Neste mesmo ano 2017 a Asociación Sociocultural de Canido, Muíño do Vento, editou o libro “Alejandro Porto Leis: un alcalde para o pobo en tempos escuros”, de Paulino Gasalla Aller. 
Paulino fora un dos artífices da descuberta dos documentos de Porto Leis no seu día e, por tanto, a persoa que máis fixo por conseguir que Xosé Abad se animase a contar a súa historia; documental que foi seleccionado, recoñecido e premiado en diferentes certames e festivais. 
O libro aprofunda na biografía de Porto Leis, nos seus estudos na Escola de Artes e Oficios, no seu traslado a Cuba cunha tía, onde cursa estudos de Electricidade, e aos EEUU despois, de onde será expulsado, após ter participado nunha manifestación contra o Ku Klux Klan. Retornado a Ferrol, traballa como mecánico-electricista a partir de 1924 na Construtora Naval. Milita politicamente en ORGA, presentándose ás eleccións municipais no 12 de abril de 1931, sendo elixido alcalde. 
Porto Leis foi home de acción, cun explícito ideario demócrata, republicano e de esquerdas. Participaría en 1934 na fundación en Serantes de Izquierda Republicana. Xulgándoas correctas, nunca eludiu solucións controvertidas, como a detención do párroco de Serantes por contravir as normas municipais referentes á secularización do cemiterio e ao horario no repique dos sinos. Ou a detención de José Miñones no acto de constitución en Serantes do Partido Radical, argumentando que só estaba autorizado para esa actividade, non para un mitin. 
En 1934, tras os acontecementos revolucionarios de outubro, será detido pola Garda Civil por, presuntamente, ter participado no incendio da igrexa de San Xoán de Filgueira. 
A causa será sobresida por falta de probas, mais aínda será sometido a consello de guerra sumarísimo por tenza ilícita de armas, resultando condenado a 15 anos de prisión menor por delito de “Auxilio á Rebelión Militar”. 
O Supremo, porén, aplicaralle indulto parcial, cumprindo un ano de prisión na Coruña, e amnistiado polo DL de Amnistía de 21 de febreiro de 1936 para os penados e procesados por delitos políticos e sociais, podendo de novo presidir a alcaldía, até acontecer a sublevación militar meses despois. 
Mais foi grazas ao libro de Paulino que tamén descubrimos esoutra faceta artística de Porto Leis, a de poeta. (Pena non termos sabido del anos antes e así poder deixar constancia no noso “Ferroláns na Historia da Literatura Galega”.) 
Na imprenta de El Correo Gallego de Ferrol, chegara a dar a lume un poemario, “Intemperancias poéticas”, con composicións en galego (17) e en español (31). Dinos Gasalla que só existen tres exemplares deste libro na actualidade, editado en 1933, un deles actualmente na biblioteca da RAG, e dedicado a Antón Vilar Ponte, grande amigo e director do citado xornal. 
Amizade importante esta como a doutras persoas de contrastada valía: o sacerdote Matías Usero, o mestre Juan García Niebla ou o médico e escritor Xaime Quintanilla, asasinados todos tras a sublevación militar. O caso é que unha grande parte da actividade creativa de Porto Leis ficou rexistrada por distintos diarios: El Correo Gallego, El Gráfico e Renovación, de Ferrol; El País, da Coruña; e La Democracia e La Libertad, de Serantes, estes dous últimos en que máis colaboracións achega. Artigos de opinión, cantares populares e o que el denominaba como “entremeses”, breves aforismos en verso, compuñan o seu contributo habitual xunto cos poemas. 
Nun sentido xenérico pódese dicir (canto á poesía en lingua galega) que o seu verso ten un valor útil e instrumental. Así pois, trabállao cun certo tesón, seguindo os metros clásicos. Pero sobre todo, tematicamente, serve como un chamado á acción, á contestación, á rebeldía. Fica claro no seu lema: “Loitar, loitar sen tregua”. 
A vida política, por tanto, trasládaa tamén á literaria; os seus versos non van ser inocuos. A exaltación das virtudes sociais e históricas como pobo —foi férreo defensor do Estatuto de Autonomía: vémolo en composicións combativas con xeitos de Cabanillas ou Pondal—, paisaxísticas e sobre a eufonía da lingua, conseguen centrar o ánimo comunicativo do poeta. 
Mais escribe, así mesmo, poesía amorosa. Nesta, con todo, a perspectiva social tampouco se acaba de perder: xorde a emigración como pano de fondo ou Galiza cal xardín florido, callado de beldade e esperanza. Unha poética en fin, a de Porto Leis, que merece ser coñecida e valorizada; paralelamente á reposición xusta da memoria como alcalde de Serantes que foi, vilmente pasado polas armas.

A poética de Porto Leis, último alcalde de Serantes

Te puede interesar