Adeus 2017. Benvido 2018

Levo varios días deste mes de decembro, dándolle voltas ao xeito de despedir o 2017. Un ano máis ou un ano menos, depende de como o queira ver cadaquén. Estas festas de Nadal foron sempre para min, motivo de saudade, esa sensación agridoce tan dos galegos que nós fai evocar o tempo que pasou, levando con el para sempre a pais, irmáns e amigos. ¡Para todos eles un recordo apaixonado!
Non podo dicir que este fóra moi bo ano. Problemas non faltaron, a lenta e dura recuperación da muller dun ictus isquémico, as preocupacións por fillas e netas, principalmente as derivadas da súa idade ao pasaren estas de nenas a mozas case sen darmos conta, os seus estudos e as súas mocidades. Nada grave, soamente lóxicas diferencias cunhas adolescentes que teñen que vivir de acordo cos seus tempos tan distantes e tan distintos dos da miña xeración.
Un ano marcado no político por uns feitos que van a ter unha importancia capital no devir do noso país. Despois das eleccións do 21 de decembro, a pelota segue no tellado. Os persoeiros da política, os de aquí e os de acolá, saberán o que están a facer e a onde están levando a economía, o progreso e a convivencia, o que chaman estado do benestar.
Non sei o que nós deparará o 2018. Á miña idade xa non son moitas as ilusións aínda que non queda outro remedio que conformarse co que veña. En calquera caso, dende este desacougado apunte quero desexarvos a todos, muller, fillas, netas, irmas e mesmo a parentes, contraparentes e amigos unha feliz saída e entrada de ano. Eu para desfacer o meigallo da saudade penso brindar por todos vos na noite vella, como manda a tradición, (tamén por ti que con tanta xenreira me tratas). ¡¡Saudade!! que fermosa e eufónica a palabra e que fermosa e sentida a canción: “Teño saudade de ti meu ben”
Para rematar, xa sabedes miña afección polas frases feitas, aquí vos deixo o galano desta ben fermosa do gran Valle-Inclán, o gran Don Ramón das barbas de chibo, nunha das súas Comedias Bárbaras, que constitúe mesmamente, paréceme a min, un bo consello e unha cura de humildade para afrontar o novo ano: ¡Arrogancias nunca gañaron preitos! Feliz 2018

Adeus 2017. Benvido 2018

Te puede interesar