Para secesionistas, nós

Andan os cataláns reclamando a independencia do Reino polo simple motivo duns millóns de euros máis ou menos, que veñen recollidos no seu reformado Estatuto de autonomía do que só transcendeu ás masas galaicas aquilo de se eran nación ou non. A min, que me chamen como queiran mentres haxa cartos no meu peto, unha máxima que habería que tallar en pedra de granito do Porriño nas cociñas autóctonas.

Se nos comparamos con aqueles seres mediterráneos en cuestións secesionistas e independentes, os aborixes de aquí levamos as de gañar en calquera sentido. A nosa dependencia da meseta é mínima, só estamos ligados á capital do Reino pola devoción ás bancadas do Santiago Bernabeu. A economía galaica ten o seu mercado no exterior, as nosas multinacionais venden case todo fóra do conxunto do Estado e os cartos que veñen de Madrid para as arcas de San Caetano non nos solucionan gran cousa, ao contrario que aos da sardana.

Fóra de asuntos económicos, a única comunidade en acometer un proceso secesionista é a galaica, por dous motivos: unha, que non lle importamos a ninguén; e outro, que somos os únicos que temos forzas armadas propias. Miles de autóctonos serven no exército e na armada como tropa e mariñeiros, até algún que outro mando anda polos cuarteis e sollados á espera de acción e subir no escalafón. Estes combatentes poden mobilizarse en calquera mes de agosto, cando veñan por aquí ás festas patronais e só hai que ascendelos a cabos. Co cambio de bandeira de miles de soldados, a milicia do Reino case que quedaría sen desfilantes. Calquera aborixe sabe que non hai diferenza entre conducir un tanque e un tractor e, tendo tres aeroportos, en catro días se forma un escuadrón de ases do ar. E de artillería antiaérea imos máis que sobrados, polo menos fomos os únicos capaces de derribar un helicóptero a pedradas.

Para secesionistas, nós, que somos capaces de levar a guerra biolóxica por todo o Reino, reducindo o consumo de peixe pola meseta. Aos poucos meses, os altos niveis de colesterol e a falta de omega-3 levaría a unha capitulación inminente dos consumidores da meseta, se non se nos dá antes por encher o mercado madrileño de mexillóns contaminados por calquera toxina das que temos polas rías. Por armamento que non quede, aquí hai de todo e a maioría é letal ou diarreico.

Somos máis perigosos que os cataláns, pero máis inofensivos. Desde a capital do Reino, a falta de argumentos sensatos, tiran de fútbol para disuadir o secesionismo. Esta tempada, co Deportivo e o Celta na primeira liga, non é a máis adecuada para lanzarse a aventuras separatistas.

 

Para secesionistas, nós

Te puede interesar