O EXEMPLO ESCOCÉS

Antes e despois do referendo na Escocia, o Goberno central e os analistas do sistema realizaron todo tipo de lecturas que, no fundamental, negaban un dereito tan elemental como o dos pobos poder decidir o seu destino. O argumento máis utilizado foi (e segue a ser) que no mundo actual certos dereitos pertencen a todos e todas, e que nen Escocia, nen Cataluña, nen por suposto Galiza, poden decidir soberanamente.
Se aceptamos esta interpretación negadora dun dereito esencial, e dadas as interrelacións existentes entre todos os países do mundo, toda decisión de certa importancia debería ser decidida por toda a humanidade.
Mais, aqueles que proclaman no que lles convén o fin das fronteiras e o reseso das identidades colectivas seguro que non aceptan esta interpretación, lóxica a partir do seu argumentario.
Porque unha e outra vez teñen amosado que, para eles, o marco de decisión está restrinxido exclusivamente a aquel no que a correlación de forzas lles garante un sistema económico e social, e un modelo cultural e lingüístico, funcional á concentración e centralización da riqueza e o poder no núcleo territorial e “señorial” do que xurdiron as clases dominantes. Trátase de pura expansión mercantilista para maximizar o lucro, e de satisfacer o ego dos que se senten en situación privilexiada.
Alén dos resultados e dos condicionantes económicos e políticos exteriores que restan liberdade ao exercicio do voto, o certo é que os/as escoceses puideron decidir sobre o seu futuro, algo que se nega a Euskadi, Cataluña e Galiza, malia ser “nacionalidades históricas”. E esta non é unha diferenza menor.
Mesmo os partidos sistémicos foron quen de comprender que un rexeitamento tan forte á Unión obriga a unha reforma de fundo do reparto territorial do poder, o que reflicte a eficacia do referendo aínda que gañase o non.  
Algo que non parece comprender a dereita no Estado español, malia que o nacionalismo sexa maioría en Euskadi e Cataluña, e forte na Galiza, dando como únicas saídas a confrontación ou a submisión. Porén, o autoritarismo, a negación de dereitos, os métodos represivos, xa se sabe como rematan historicamente.

O EXEMPLO ESCOCÉS

Te puede interesar