Obriga humana de auxilio

|

A cidadanía europea sensíbel aos principios básicos dos dereitos humanos non pode asumir en modo algún o discurso cínico, fraudulento e totalmente inxusto que veñen facendo público voceiros políticos de garda neste período do ano no que outros utilizan o seu tempo de vacacións formais para furtar a súa responsabilidade de pronunciarse a respecto da situación inconcibíbel que está a darse arredor das embarcacións que están a rescatar, en labor humana de auxilio, a centos de inmigrantes náufragos nas augas do Mediterráneo, inmenso cemiterio da esperanza.

Como se dun auténtico e xigantesco anfiteatro se tratase, o vello Mare Nostrum é un espazo no que se está a producir, a xeito de metáfora atroz, o desenvolvemento dunha peza que pode conectar coa traxedia clásica que deu á cultura multitude de relatos cos que milenios atrás se ocupaba á poboación das ribeiras deste territorio marítimo nas horas de lecer. Agora, esa “obra dramática que representa unha acción seria e grave onde o protagonista é levado á catástrofe” ten faciana de nenos, mulleres e homes que veñen á procura dunha vida alternativa á fame, miseria e desolación que soportan nos seus países de orixe, vítimas do espolio colonial foráneo. 

Porén, as institucións e autoridades europeas no canto de prestar o auxilio de asilo necesario tiran polo camiño do rexeitamento hipócrita comprando os servizos de países limítrofes, casos turco ou marroquí, nos que por conta de transferencias de varios millóns de euros asentan infames campamentos de acollida, eufemismo que agocha o concepto de lugares de nula humanidade, ou labores de policía fronteiriza para frear a chegada de xentes fuxindo á desesperada. Cando iso non dá resultado, circunstancia posta no foco da opinión pública cos centos de persoas navegando errantes nos barcos da entidades humanitarias, apélanse a cousas parvas para intentar xustificar o bloqueo no desembarco ou ameazar con sancionar o rescate.

Agora ben, non por iso debe ignorarse a obriga de prestar auxilio a toda persoa que se atope en perigo de desaparecer no mar, asumido legalmente polo Estado español ao subscribir o Convenio Montego Bay sobre Dereito do Mar. Moito menos que a Unión Europea “se fundamenta nos valores de respecto á dignidade humana, liberdade, democracia, igualdade, Estado de Dereito e protección dos dereitos humanos”. E dicir, que por obriga de auxilio, non só deben ser rescatados os inmigrantes senón que é deber aceptar eses náufragos.

Obriga humana de auxilio