Toda rebeldía ten na súa orixe un factor causante, por iso, cando os últimos trinta anos da historia dunha comunidade se teñan de narrar outorgando especial protagonismo á pancarta e á manifestación, non é ao colectivo dos inconformistas a quen debe adxudicárselles a proxenitura da conflitividade, pois en toda convulsión, a verdadeira autoría debe atribuírselle en exclusiva, a quen, ostentando o poder e obrigados polo tanto a tomar cartas no asunto, por falta de proxección política e negativa a traballar na dirección debida, en vez de articular solucións, optan por inhibirse do problema que desencadea a incitación ao conflito, suscitando con iso que a secuencia da axitación social siga a persistir no tempo.
Conste que non estou a referirme a un suposto alegórico, pois o dito, máis que figurado é a plasmación efectiva dunha realidade concreta, dunha situación precisa que se produce no contexto dun escenario xeográfico determinado, cuxa localización marxinal ao bordo da periferia do Estado, é a reprodución dun suburbio social onde se impón o liderado dos mediocres e a política é exercida por uns monicrequeiros que antes de perder o seu crédito xa extraviaran todo control sobre o manexo do fío transmisor.
Estamos a falar do emprazamento dos estaleiros subvertidos, da bisbarra das reconversións ficticias, de polígonos industriais tapizados de maleza, do lugar onde a taxa de paro supera á de ocupación, dun contorno que se desertiza pola permanente sangría de poboación; obviamente todo isto e máis, define a adversa singularidade do marco territorial de referencia, que por pura lóxica espacial non pode ser outro que Ferrol e a súa contorna.
Xa situados neste ámbito espacial, toca cantar verdades e recordar que o factor causante da desfeita da súa principal actividade produtiva tivo a súa orixe trinta anos atrás, de aí que intentar a estas alturas camuflar a complexidade socio económica de Ferrolterra no contexto da crise xeral, é pretender eliminar páxinas da historia para inverter a realidade; e iso, co perverso obxectivo de intentar despistar a implicación política na comisión dos feitos que levaron ao motor da industria local a unha crise funcional, que transixidamente a través do tempo e deseñadas turbulencias sistémicas fixeron agravar ata derivar na actual situación de colapso que apesta a fase terminal.
Todo indica que estamos ante o conato dunha terceira reconversión naval, iso polo menos son os sinais que se deducen do adelgazamento da carteira de contratación dos estaleiros, como a incógnita engadida sobre o quefacer do día despois á extinción do segundo veto do sector; incerteza, que máis que ter resposta crible, vai acompañada de evasivas políticas en versión interposta utilizada indistintamente polo PP e o PSOE, que como artífices do desastre, intercambian o seu papel atendendo ao xogo inverso que lles demanda o feito variable de exercer como goberno ou intervir de opositor.
En todo caso un referente de ambigüidade, que pon de manifesto a escasa fiabilidade que tras trinta anos de inutilidade, deben merecer os membros deste duopolio político para representar e loitar polos intereses cidadáns desta bisbarra no marco da Unión.
Polo tanto, hase de afirmar que a precaria situación que vive a tempo presente o sector naval da bisbarra, máis que vir dada por condicións de mercado ou competencia, é causa reflexa do escaso peso político dos que ante Europa en cómplice e repulsiva conxunción, reiteradamente, durante cinco lexislaturas dende a nosa adhesión, asumiron a restricións e limitacións impostas á cota de tonelaxe asignada ao noso sector naval, claudicando así ás interesadas esixencias doutros estados membro.
E é por iso que agora, cando entramos en véspera electoral sexa obrigado revisar condutas para decantarse polo correcto, e nada máis apropiado que comezar por discriminar actitudes pretéritas para así osixenar a dinámica democrática apostando por candidatos idóneos, ‘por homes e mulleres con carga de honestidade probada que lonxe de incumprir as súas promesas ao día seguinte das eleccións, se manteñan firmes na defensa e continuidade da nosa Industria de Síntese, no contexto dun marco de compromiso, reciprocidade, transparencia e lealdade.
En razón aos feitos, xa deberamos estar de volta e saber que non se gañan as eleccións o día da votación senón no facer do día a día, e que as campañas electorais só valen para promover o que nunca se chega a cumprir, de aí que o 25 de maio, polo futuro desta bisbarra esteamos obrigados a plantar ruptura co pasado, cos que por todo resultado achegan unha enciclopedia de trinta anos de engano e tres décadas de incorrección.