Évola: un circo mediático

Quero comezar o meu soliloquio de hoxe dicindo que este tema do évolaconverteuse nun circo mediático onde algúns medios tratan de tirar do tema na procura da parte máis escabrosa do asunto co gallo de gañar, a calquera custe, lectores ou audiencia segundo cadre. O importante nestes casos é que a cidadanía teña acceso a unha información exhaustiva e veraz co gallo de tratar de manter a calma porque o risco sanitario, que habelo haino, pódese controlar sempre que se apliquen as medidas axeitadas por parte dos bos profesionais, eses que traballan a pe de obra, con que conta o noso sistema sanitario, ata o de agora público.  Outra cousa é o debate que se suscitou por como se levou a xestión da crises dende o Ministerio de Sanidade ao concelleiro da comunidade de Madrid, onde a ineptitude dunha ministra e subalternosquedou unha vez máis en evidencia pola ignorancia amosada pero sobre todo porque non souberon dar a información axeitada para que a xente entendera de que ía a cousa,  por saír a escena dicindo babecadas e por manifestar que todo estaba controlado cando non era así.
No hospital Carlos III había unha unidade para infecciosos que se desmantelou. Era un servizo público, e agora díganme que clínica ou hospital privado dispón desas infraestruturas. Si é verdade que “médicos sen fronteiras” está atendendo a enfermos de évola en Sierra Leona, Nigeria ou Monrrovia practicamente en tendas de campaña, non é menos certo que mellor se atenderían cando as circunstancias fosen mellores e cos medios axeitados. E os medios diminúen cando recórtanse os orzamentos, e deses ventos estamos recollendo estas tempestades. Como exsanitario que son podo dicir agora que por moita teoría que se saiba, se non practicas no día a día, pouco ou nada podes facer. Sobre o évola pouco ou nada se practicou, así que a auxiliar de clínica Teresa Romero non é culpable de nada. Non me veñan agora sinalándoa como chibo expiatorio. Os auténticos culpables deste despropósito están acochados nos seus cargos, e non chego a entender como a ministra de Sanidade e o panoco do concelleiro da comunidade de Madrid non foron cesados de inmediato; e digo cesados porque a dimisión aínda ten certas connotacións de dignidade para quen a pon en práctica, pero estes personaxes carecen dela, así que o cese sería o máis axeitado. Ao fronte dunha crises coma esta teñen que estar os máis preparados e se os mellores que teñen son estes personaxes, pois que deus nos colla confesados. A enfermidade provocada polo virus do évola é letal nunha porcentaxe moi alta e agora a tarefa máis importanteson os coidados que se lle podan dispensar á enferma e tomar as precaucións para evita-los contaxios. Todo isto é compatible coa asunción de responsabilidades, que haberá que abordar, cesando dos seus cargos aos que non souberon xestionar este caso que puxo en alerta a toda a poboación do país precisamente por divulgar información improvisada e porque cada vez que fala a ministra a preocupación convértese en medo. Temos bos, moi bos profesionais cuxa capacidade queda minimizada pola mala xestión dos que deciden, e este non é o primeiro caso no que o goberno se pon en evidencia, así que non nos colleu por sorpresa esta nefasta xestión onde os despropósitos, na primeira semana da crises, fóronse encadeando uns tralos outros. É fundamental que saian nos medios os que realmente saben destas cousas. Eles son os que poden de verdade tranquilizar a unha poboación de momento preocupada pero que pode chegar a estar asustada. Oxalá Teresa saia deste transo, e si é así cabe esperar que estes personaxes non se anoten o tanto, se é que aínda están aí. No peor dos casos son capaces de dicir que todo é debido a herdanza recibida. Seguro.

 

Évola: un circo mediático

Te puede interesar