Riazor

|

desde hai aproximadamente trinta anos –agás tres ou catro temporadas recentes en que, pola preguiza de ter que desprazarme só, non retirei o abono– sempre que non mediou impedimento serio acudo ao campo de Riazor para ver xogar o Deportivo. Son un apaixonado do fútbol, como teño dito en moitas ocasións, e do Dépor. Na Coruña transcorreu a práctica totalidade da miña vida laboral, polo que foron moitos os anos que alí residín. En realidade son un Ferrocoruño, acaído termo que lle teño escoitado a Vari Caramés, ese magnífico fotógrafo, tamén ferrolán de nación. Desde a pasada tempada a preguiza desapareceu de vez.
 Meu neto Iago converteuse nun excelente e inseparable compañeiro de viaxes, alén de ser tan ou máis deportivista ca min. Aínda que nunca viviu na Coruña, xa de ben pequeniño viña a algún partido e ten fotos no colo de magníficos xogadores como Sergio ou o excelso Fran. Se ben os equipos destes últimos anos están ben lonxe daqueles que eran quen de lle gañar a todo o que se lle puxese por diante, pasámolo do mellor. Obviamente, non quedamos a gusto se o xogo é malo. Peor aínda, se, por riba, se perde, cousa, por desgraza, relativamente frecuente. Con todo, paga a pena respirar o ambiente do campo e dos arredores. 
Onte, malia o intempestivo da hora, ao mediodía, alí estivemos. Era un partido importante, que, afortunadamente, se gañou. E penso que con merecementos abondo. Estou convencido de que, sen ser marabilloso, vimos o mellor xogo do equipo desde que comezou o campionato. E non é doado que isto pase cando a situación do adestrador é inestable. De feito escoitárase que, de non gañar, cesaría. Mesmo, nalgún momento do partido, se oíron voces que desexaban a derrota para que o botasen. 
Desde o primeiro momento dixen que non era o tipo de adestrador dos que gusto, mais iso non me leva a desexar que perda o equipo. Sei que non vou ver o mellor fútbol posible, acorde co plantel de xogadores que hai, como sei tamén que non sempre a culpa é toda do adestrador. Mais, é sabido que se di que o que paga esixe e no fútbol a xente séntese co dereito a asubiar á mínima que as cousas non saian. E onte o asubío fácil tamén o usaron algúns espectadores –non moitos e maioritariamente da tribuna onde sento– contra o despregue dunha pancarta na bancada de xeneral na que se reclamaba o dereito dos pobos a decidir. Así, sen máis, sen maiores especificacións. Eu preguntábame se se sentirían ofendidos como cando o árbitro pita unha inexistente falta a favor do equipo contrario, porque a pitada, a verdade, me parecía cousa dun mundo irreal. Ata o neto me preguntou a quen pitaban. Non acreditaba naquilo. No remate de contas, gañouse e non xogando mal, que é o importante.

Riazor