Mañá celebraremos un novo Día das Letras sen que se vexa melloría nos usos do galego. As moitas e variadas políticas da oficialidade seguen a pór freos e a apostar polo “idioma de todos os españois”. Mais curiosamente, hai unha semana a canción representante da RTVE en Eurovisión tiña o título e boa parte da letra en inglés, que non é, que saibamos, o idioma que os mandantes din que unifica España. E lembrei o acontecido en 1968 cando Serrat renunciara a participar porque non o deixaban cantar o “La, la, la” en catalán. Nesta última edición do desvalorizado festival púidose escoitar italiano, francés ou montenegrino (escasos 650.000 habitantes), como tamén se ouvíu portugués na fase clasificatoria. No resto optouse polo inglés. E veume á cabeza a coñecida e retranqueira visión do idioma universal de Castelao: “Un can de Turquía ouvea igoal que un can de Dinamarca, un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo da Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os probes animaes aínda están no idioma universal”.