Rematadas xa as festas, nada mellor para estrear o ano que unha excursión polos meus orixes. Érgome cedo, sobre as sete da mañá. Despois do aseo, preparo o almorzo, café con leite e galletas, arranxo a habitación ao mesmo tempo que goberno unha tortilla de patacas con moita cebola. As oito con todo listo, collo o meu coche e enfío a estrada das Pías cara a ningures baixo un ceo sen nubes que anuncia un bo día.
Pasada a vila dos Andrade circulo agora por unha pista que atravesa os rios Eume, Lambre, Zarzo, Mandeo, Cambás e o Dá, xa en Guitiriz, ata chegar aos Sete Muíños, unha paraxe ideal cunha área recreativa onde deixo o coche. Aquí comeza a miña andaina augas arriba do rio das Escádevas que baixa maino entre bosques de bidueiros, carballos, pinos, salgueiros e acivros (xardóns) de froito vermello. Uns grandes penedos, sen dúbida presentes dende o primeiro día da creación son, aos meus ollos, testemuñas mudas do pasar do tempo, das augas, das neves e das choivas. Penso que aquí nestas penas poderían estar agochados os tesouros dos que tanto gustaba falar o gran fabulador das terras de Miranda. A paisaxe é fermosa e as augas do río cristalinas e transparentes deixan ver un fondo de area onde, ao dicir dos vellos, tense atopado ouro.
Despois dun percorrido duns tres quilómetros chego a Ponte Senande, unha pontella sobre o río con varios séculos as costas. A aldea do mesmo nome está situada nun outeiro, a setecentos metros de altitude. Catro casas de pedra vella cuns tellados de lousa típicos daquelas terras, nas que malviven doce veciños, sete mulleres, cinco homes e ningún nenoNun pasteiro próximo pacen e remoen sen pausa non menos de corenta vacas que, a xulgar polo que se ve, teñen que ser das máis leiteiras do mundo. Seica producen asi mesmo cantidades industriais de gas metano, ata tal punto que, si se lles aplica un mixto no lugar axeitado, poderían xerar luz e calor. Atopo de seguido unhas extensas plantacións de nabizas ou grelos, que tanto ten.. Dubido si apañar unha presada ou unha mada deles como noutros tempos, pero non son quen de facelo, ¡que xa non teño anos para andar con estas falcatruadas!. Mágoa porque en calquera caso podo dar fe de que son os mellores do mundo
Baixo agora por un camiño de terra a rentes da estrada dos Vilares de Parga que me leva de novo a Sete Muíños. Dende alí despois de recuperar folgos, e de repor forzas coa tortilla e cuns tentos á bota de viño emprendo o camiño de volta por unha Nacional VI totalmente deserta cara a Ferrol, a onde chego sobre das sete do serán cos pulmóns cheos de aire puro e saudade no corazón.
¡Non foi un mal día para un vello xubilado!