TRATADO DA PERPLEXIDADE

Non pode un por menos que sorprenderse cando constata que, a pesares da nada despreciable pléiade de asesores que a cúpula do PP ten arropando a Rajoy, o resultado cando comparece, despois dun retraso de meses, é de baixo perfil, case de chascarrillo, ligth e sen cafeína todo xunto, e tan só para dicir que todo vai mal e para moito tempo. Pasar do discurso da confianza salvadora ao estamos ao borde do escuro abismo, é cambiar o regulamento no medio dun partido.

Aqueles que falaban da improvisación dos outros, e agora non fan outra cousa que correxirse, evidencian que a crise foi o vento que os levou ao poder. Pero, e as solucións? Os clásicos sempre aplicaron que primeiro diagnosticar a enfermidade e despois receitar o axeitado para eliminar o mal. Rajoy renunciou a salvar 2012. E pon a venda antes da ferida e iso cando ten no forno una reforma laboral na que, evidentemente, non confía. Anunciar a voz en grito a enfermidade e quedarse tan ancho sen medidas paliativas é propio dos que pensan que a sociedade non ten criterio nin capacidade para separar o grao da palla.

Quen planta espellismos acaba por recoller tsunamis que seguro chegarán, porque a quen se lle ocorre cambiar, sen explicacións, o temario das oposición a escasas datas da súa celebración sementando desesperanza, ou agochar as reformas para evitar perder Andalucía, poñerá sempre o interese do partido por riba do interese do país, e a sociedade precisa rigor, xenerosidade e altura, non sectarismos nin falsas frases feitas para consumo propio.

TRATADO DA PERPLEXIDADE

Te puede interesar