Queremos dedicar hoxe esta columna a lembrar aquela data do 68 que supuxo un soño utópico e un cambio total de paradigma, sobre todo a nivel ético, pero tamén estético, para toda unha xeneración: aquela que na chamada “década prodixiosa” tiña arredor de vinte anos.
Algo realmente inexplicable estaba a suceder a nivel global, cando estalou a primavera de Praga, o maio francés, o movemento de Berkeley, a revolta de México e - o que é aínda máis sorprendente- o longo marzo compostelán que nos virou a todos os que estudábamos na Universidade de Santiago de dentro para fora.
De súpeto, aquel mundo arcaico do que viñamos a maioría abríase a un horizonte de pensamento novo, descoñecido, ao que chegaban ecos da xeneración beat,, de Malraux, de Sartre, de Hermann Hesse, de Simone de Beauvoir, de Marcuse, de Bertran Russell e a súa campaña de desarme mundial, cuxas siglas convertíronse na enseña dos hippies, co seu lema “Fai o amor e non a guerra”.
Descubríamos tamén os versos de “Longa noite de pedra” de Celso Emilio Ferreiro que nos decían: “Hai algo que está podre en Dinamarca / e fede que alcatrea dende sempre”. I entón chegou a Nova Cançó a Compostela da man de Raimon, que nos abríu os ollos e os ouvidos “Al vent del mon...”;.e naceron Voces ceibes; e o “ Venceremos nós”.de Joan Baez , traducido ao galego, converteuse. no noso himno. A sociedade ben pensante, co seu adaptado pensamento burgués, que tan ben diseccionara Hesse en “O lobo estepario”, non podía asumir tanta revolta e fomos alcumados de “inmunda escoria”. Certamente eramos, para gracia da transformación, esa pedra negra ou “escoria” alquímica que se precisa en todo cambio. Así fumos levados, quizais sin saber ben o que facíamos, polo signo dos tempos que nacía movido,–segundo veu a decirnos o filósofo californiano Alan Watts– polo paso da vella era de Piscis, a das crenzas e sacrificios que caracterizou o cristianismo, á nova Era de Acuario, que estaba agromando e que viña marcada polo altruismo e o individualismo.
Agora o Concello coruñés acolle unha mostra de carteis do 68 parisino, propiciada por Doroteo Arnaiz, que naquelas datas era estudante na Escola de Belas Artes e axudou a imprimir moitos dos affiches que iluminaron as rúas de Paris, denunciando os abusos do poder e pedindo continuar a loita; tamén aparecen algunhas das máis significativas proclamas: “Sede realistas, pedide o imposible”, ”Liberté, égalité, sexualité”, “Debaixo do empedrado está a praia”...
Os valores herdados eran postos en cuestión para agromar unha fervenza de novos valores, aínda un tanto caóticos, que mesturaban loita de clases con filosofías e misticismo do Oriente, sexo libre coa volta a natureza, hedonismo con renuncia, etc, etc...
Era “O nacimento dunha contracultura” , segundo teorizou o historiador Theodore Roszak, no seu famoso libro de tal título , que quería “...proclamar un novo ceo e unha nova terra...”; en suma, unha nova e máis humana humanidade.