Turquía quere seu anaco de Siria

rdogan pediulle a Putin que se fixese a un lado e lle permitise esmagar ao exército sirio. Ou sexa quere deixar patente diante do seu pobo e do mundo que está disposto a lle facer pagar cen veces a Siria a morte de dúas ducias de militares que estaban mesturados con forzas rebeldes da vella Al-Nusra (a ex Al Qaeda). Non di ren das múltiples baixas do bando sirio por mor dos ataques da artillería e drons turcos, mesmo en zonas habitadas, para evitar a derrota total do terrorismo. Se Rusia dese un paso atrás, os resultados da confrontación estarían cantados. Turquía triplica a poboación de Siria, ten un dos maiores exércitos do mundo, armas da OTAN, e ademais non leva padecendo seis anos dunha destrutiva guerra civil. Siria só ten  a vantaxe de ter tropas moi curtidas na batalla.
Para alén da teatral valentía de Erdogan, resulta evidente que ten intereses expansionistas, leva predicando a prol do pan-turquismo dende que asumiu a presidencia, e nunca cumpriu o pacto de ser garante da separación e do desarme dos grupos terroristas en Siria. Todo indica que esta máis preocupado en obter protectorados sobre zonas ricas en petróleo, como no norte de Siria e Libia. Asemade, fixo o imposíbel por se apoderar de Alepo, que é o centro industrial deste país, e cidade estratéxica na ruta de Asia central ao Mediterráneo. 
Tampouco se pode obviar que o Curdistán turco sofre unha represión sistemática, que se agudizou nos últimos anos alentando a oposición armada, que lle serve de escusa para levar adiante os plans expansionistas en Iraq e Siria. Postura da que hai antecedentes históricos, lembremos a ocupación do norte de Chipre. Cando Erdogan empurra a inmigración de refuxiados sobre a Unión Europea busca forzar unha intervención desta e da OTAN para aumentar a presión sobre Moscova. Unha utilización dos refuxiados, dos que non poucos estarán ligados ao radicalismo islámico, tendo en consideración que o resultado da guerra é adverso a estes grupos hai tempo. 
A UE ten por diante un serio problema. Seguirá refén dos intereses xeo-estratéxicos de Estados Unidos, alentando a guerra na rexión, destruíndo e debilitando as nacións limítrofes con Israel que defenden os dereitos de Palestina?... O Goberno sirio pode ter eivas, mesmo actitudes autoritarias, mais estas son pouca cousa diante das posturas ditatoriais de Arabia Saudí e as monarquías do Golfo, e da propia Turquía (trato á oposición política), e non por iso se crea e apoia unha oposición armada e se ocupa parte do país ilegalmente. 

Turquía quere seu anaco de Siria

Te puede interesar