No ano do centenario das Irmandades da Fala fóisenos un dos IrmánsMaiores da nosalingua, Agustín Fernández Paz.
Coñecín a este vilalbés no curso escolar 1978-79. Nesa altura un grupo de mestres e mestras da bisbarra de Ferrol viñámonos xuntando no desaparecido colexio público Punta Arnela, para traballarmos conxuntamente na procura dun ensino en galego e dunha máis que necesaria anovación metodolóxica. Partillábamos o desexo de conseguirmos unha escola activa, non sexista e non isolada do seu entorno nen da comunidade social da que formaba parte. En definitiva, un ensino público que partira da nosa realidade e do noso idioma para chegara o universal.
Xabier Puente Docampo, daquela director de Punta Arnela e integrante deste grupo, falounos de que a estas reunións ía convidar a un seu amigo que retornara a Galiza despois dunha estadía no País Vasco (por mor do traslado forzoso de mestres e mestras fóra da terra), e que nese curso estaba a traballar no colexio público de Mugardos. Coidaba que este compañeiro nos podía aportar uns coñecementos pedagóxicos e unha experiencia na didáctica escolar, que nos serviría para reforzar o traballo do noso grupo que ben logo pasaría a se chamar “Avantar”.
Este compañeiro non era outro que Agustín. O Xabier quedárase curto nas súas apreciacións. Fernández Paz marcaba,dalgunha maneira, as diferenzas cos demais en moitos terreos. Por primeira vez, e grazas a el, algún dos que andabamos por alí aprendimos a importancia de usarmos os medios de comunicación social na escola, a despertar o noso interese polos cómics ou bandas deseñadas como medios de expresión artística de comunicación, a sabermos da existencia de Gianni Rodari e a súa Gramática da fantasía…
Foron pasando os anos e Agustín sempre estivo entregado á tarefa de contribuir á formación do profesorado e, sobre todo, á súa grande paixón vocacional que era o contacto coa literatura, singularmente a infantil e xuvenil. Como devorador incesante de libros e como escritor de obras que xurdían, como adoitaba dicir, de “chispazos” que aparecían en calquera circunstancia e/ou situación: pescudando nos anuncios por palabras dos xornais, conducindo, observando desde a fiestra da súa casa a entrada a un centro comercial, na lectura de cómics…
A súa obra literaria é moi ampla e foi merecente de moitas distincións. Por exemplo, entre outros, os premios Merlín, Lazarillo e o Trasalba da Fundación Otero Pedrayo; o premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que concede o Ministerio de Cultura, e o premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil que recibiu en Guadalajara (México) en recoñecemento á súa traxectoria literaria.
Con todo, alén do seu prestixio como escritor, salientaría do seu maxisterio o seu exemplo admirábel de compromiso coa lingua e a educación pública. Neste sentido son indicativas as súas afirmacións de que “O xeito auténtico de escribir é facelo na lingua na que soño, que é o galego”, e que “O galego é de todos: dos que estamos, dos que marcharon e dos que están a chegar”. Bravo, Agustín! En Ferrolterra tamén choramos a túa ausencia!