Ler e vivir, unha fiestra aberta ó mundo

Grata sorpresa. Hai tempo que non recibía un libro coma o que o carteiro puxo na miña caixa do correo nos días máis inclementes do pasado outono. É un libro de homenaxe a Luís Alonso Girgado (Ferrol, 1946), co cal o Centro Ramón Piñeiro outorga o recoñecemento debido a un dos seus máis veteranos investigadores, cumprindo á par o Centro os seus primeiros vinte e cinco anos de vida. Fermoso libro en tódolos sentidos. Non só polo seu contido, senón tamén pola súa concepción e composición. Armando Requeixo foi quen estivo ó coidado desta edición primorosa. A obra leva por título Ler e vivir, unha gozosa excepción ou anomalía respecto do habitual no formato libro-homenaxe. 

Decote, este tipo de edicións convértense en caixóns de xastre onde teñen acomodo dispares estudos elaborados cos ollos postos no baremo de contribucións académicas. Talvez meritorios, non o nego, pero afastados do fundamento da publicación, convertendo o libro-homenaxe nun mamotreto ou tumbo de escaso interese para os lectores. Ler e vivir difire notablemente do usual. Ábrese o volume cuns prefacios laudatorios e unha cronobiografía, onde se glosa a personalidade do homenaxeado e a súa obra no Centro Ramón Piñeiro, e tras eles figuran unha coidada escolma de traballos de Luís Alonso Girgado, que van desde a crítica literaria ó ensaio, ademais dunhas sucintas memorias da adolescencia ferrolá do noso autor.

Alonso Girgado, a carón dun equipo de bolseiros do Centro, levou a cabo a recuperación das revistas poéticas e culturais galegas do pasado século xurdidas dentro e fóra de Galicia. A el débense os estudos introdutorios que fixo para as edicións facsimilares, os cales recollen atinadas e documentadas informacións sobre as revistas nos seus contextos históricos así como as vicisitudes polas que pasaron aquelas exquisitas publicacións. En Ler e vivir inclúese tamén unha selección de artigos sobre obras e autores da literatura hispanoamericana que foron vertidos ó galego por Laura Piñeiro, pois no seu momento foron publicados en diversos medios xornalísticos (El Correo Gallego, El Diario de Córdoba, “Nordesía” –suplemento literario do Diario de Ferrol– e noutras revistas especializadas). A relevancia destes escritos é que o noso autor pon a lupa, sobre todo, en autores e novelas que son practicamente descoñecidos por estes lares, ofrecéndonos un panorama inédito dunha literatura de gran interese. Alonso Girgado é ademais un apaixonado lector que sabe transmitir con sinxeleza e amenidade temas que captan a nosa atención, integrándonos de cheo no seu discurso.

Silencioso e incansable traballador, deixou pegadas do seu labor en múltiples campos, mais sempre arredor do feito literario. Porén, sería imperdoable que non nos acordásemos da súa faceta como director literario e editor da colección Libros da Frouma, vinculada á Librería Editorial Follas Novas. Unha colección de poesía que arrincou no 1998 e que cesou a súa actividade hai algúns meses. Foi unha das mellores e máis meritorias coleccións de poesía na Galicia contemporánea, e así será recordada polos estudosos da nosa literatura. 

En conclusión, Ler e vivir son as dúas coordenadas que mellor definen a andaina vital do homenaxeado. A literatura configurou o seu hábitat existencial, a súa morada, e cumpriu a súa tarefa entregándolle con abnegación moitas horas de estudo rigoroso e persoal cuxo resultado soubo transmitir con claridade e concisión ós seus lectores. 

Podemos dicir que Ler e vivir é un libro para perderse nas súas páxinas, un libro para reler con gusto. Luís Alonso Girgado, co seu labor calado, non fixo máis que cumprir coa arela de Ramón Piñeiro, aquel mantra cheo de ilusión que sempre tivo “in mente” e que nos repetía decote: “urxe preparar as novas xeracións de mozos para que traballen pola cultura galega, devolvéndolle todo o seu esplendor”. Sen dúbida, Alonso Girgado foi un dos que fixo realidade aquel soño do noso benquerido don Ramón.

Ler e vivir, unha fiestra aberta ó mundo

Te puede interesar